Siro cédelle unha serie de 40 pezas ao museo Valle-Inclán

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

SIMÓN BALVÍS

A colección, que xa estivo na Pobra no 2007, está integrada por caricaturas, retratos e visións plásticas sobre o escritor

29 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 7, o ribeirense Manuel Ayaso asinaba un documento polo cal lle cedía unha coleccións de obras ao museo Valle-Inclán. Esta tarde repetirase a estampa, aínda que con outro protagonista, o debuxante Siro López. O documento que se rubricará no interior da emblemática torre de Bermúdez permitiralle á sala pobrense facerse cunha serie de corenta pezas. Trátase de caricaturas, retratos e visións plásticas feitas ao redor da figura do creador do esperpento.

A historia que envolve esta colección remóntase varios anos atrás, concretamente, ao período no que Antonio González se fixo cargo da dirección do museo pobrense: «Daquela animei a varios artistas a crear algunha obra sobre Valle-Inclán». A sorpresa chegou cando, só uns meses despois, Siro lle comunicaba que tiña unha serie enteira.

A colección foi presentada no 2007 na vila pobrense, na recén estreada casa de cultura Raquel Fernández Soler, para emprender despois unha itinerancia por distintos lugares de Galicia. Santiago, Vilanova, Lugo, Ourense, A Coruña e Betanzos foron algúns dos destinos. Concluída esta xira, o debuxante e o director do museo volveron a contactar: «Foi entón cando el me propuxo ceder a colección», explicou Antonio González.

A serie, valorada nuns 70.000 euros, está formada por obras feitas a partir de distintas técnicas, como témpera, acuarela, tinta sobre papel e óleo. Unhas das súas características máis destacadas é que permite ver a evolución do propio Siro López, pois empeza cunhas caricaturas naturalistas e conclúe con retratos que rozan a abstracción.

Xira por España

Aínda que a colección está integrada por 40 pezas, a exposición que esta tarde se abrirá ao público no auditorio do museo pobrense inclúe só 22. Estas obras quedarán nesta sala de forma permanente, aínda que Antonio González está negociando nestes intres a súa itinerancia por diversas salas de España.

A inauguración da exposición, prevista para as 20.30 horas, completarase cunha proposta de carácter teatral. Dous afamados intérpretes, Farruco Bernal e Roberto Leal, exercerán de guías polas distintas salas do museo. Como guión empregarán as verbas que, con gran admiración, lle dedicou ao creador do esperpento outro dos grandes literatos da ría arousá, Castelao. Do que se trata con esta peza é de lembrar a fonda amizade que uniu a estes dous autores.

A maiores, o venres, ás 13.00 horas, terá lugar a ofrenda floral no Cantón da Leña.