Susana Diz deseñará os distintivos de Arousa Norte

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

As pezas que se empregarán como agasallo institucional serán pequenos monicreques coa forma de catro literatos

23 oct 2014 . Actualizado a las 17:47 h.

O mes pasado, a mancomunidade barbancesa lanzaba un chamamento dirixido aos creadores da zona. Buscaba artistas interesados en deseñar unha peza relacionada cos grandes literatos da comarca que puidera empregarse como agasallo institucional. Este proceso ven de culminar. A elixida é a boirense Susana Diz González e a obra que se converterá en distintivo de Arousa Norte ten forma de caixa de pequenas dimensións, unha casiña que serve de refuxio a Valle-Inclán, Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, convertidos para a ocasión en pequenos monicreques de dedos feitos a calceta.

Susana Diz é unha coñecida artesá, pois está estreitamente vinculada á plataforma Creaturas. Participou nas actividades promovidas por este colectivo, tanto amosando os seus traballos como exercendo de monitora de amigurimi, unha tendencia importada de Xapón que consiste en tecer pequenos bonecos empregando a técnica do croché. Foi precisamente este método ao que recorreu a boirense para darlle forma aos pequenos monicreques da súa obra.

Os 650 euros que lle corresponden a Susana Diz pola súa condición de gañadora do certame seranlle entregados por Arousa Norte a xeito de intercambio por casiñas que se empregarán como agasallos institucionais. Este mesmo proceso utilizarase coa segunda clasificada, Amalia López, que percibirá 350 euros a cambio de xogos de tres en raia, elaborados con fichas en forma de Valle-Inclán e de Castelao.

Tamén Esther Regueira, a artesá que obtivo o terceiro posto, terá que entregarlle a Arousa Norte felpudos por valor de 250 euros. En todos aparecerá unha singular lenda: «Aquí viven os dous de sempre».

O xurado que se encargou de valorar tanto estas como as outras pezas que concorreron ao certame estivo formado polo escritor Antón Riveiro Coello, e polas artesás Elena Ferro, gañadora do oitavo premio Antón Fraguas, e Elena Fabeiro, xerente de Artesanía de Galicia.

O obxectivo da xerencia de Arousa Norte, con Irene Maneiro, á fronte, é que esta experiencia sirva de punto de partida para o deseño de pezas que poidan ser comercializadas como suvenirs da comarca.