Rianxo anima a recta final do ano con vinte actos culturais

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A sala de lectura preparou unha noite chea de actividades.<span lang= es-es > </span>
A sala de lectura preparou unha noite chea de actividades. s. balvís< / span>

Representacións teatrais, presentacións literarias e ata unha acampada na biblioteca forman parte do intenso programa

21 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os últimos fins de semana deste 2014 preséntanse moi animados na vila rianxeira. O departamento de Cultura ten preparado un intenso programa para esta recta final do ano, no que figuran vinte propostas. O teatro ocupa un papel fundamental neste paquete lúdico, no que tamén teñen oco as presentacións literarias, as exposicións, os concertos e ata unha acampada na biblioteca municipal.

Esta orixinal actividade constitúe de feito a vindeira cita que as familias rianxeiras deben marcar en vermello nas súas axendas. Desenvolverase este mesmo venres e arrancará ás 18.00 horas cun espectáculo a cargo de Magín Blanco, que leva por título Libros en-cantados. Finalizada esta función, aqueles nenos que o desexen poderán acampar na sala de lectura e gozar de varias horas de obradoiros, contacontos e diversas propostas de animación. O prazo de inscrición para participar concluirá o xoves.

Este fin de semana, o sábado, servirase tamén en Rianxo unha nova ración de teatro. Sobre as táboas estarán os membros de O Aturuxo de Melpómene, que poñerán en escena A ratoeira. As artes escénicas cobrarán protagonismo en novembro, con cinco funcións máis, entre as que destaca a estrea de Airiños. A mítica compañía de Asados representará por vez primeira Celtas sen filtro o día 14, obra que repetirá o 21. A maiores, no cartel figuran Malasombra con Go on (día), Elefante Elegante con Nuncabunga (22), Abrapalabra con As do peixe (28) e Criaturas con Colón debe morrer (29). Xa en decembro, o día 3, o Centro Dramático Galego levará a cabo unha representación dirixida aos escolares, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

«Guía de persoeiros»

Barbantia tamén contribúe a engordar o Outono Cultural rianxeiro, desenvolvendo na vila de Castelao o acto deste mes. Será o vindeiro 31, da man de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, que presentará Guía de persoeiros da cultura, un volume dedicado aos creadores de Arousa norte. O día 12 de decembro darase a coñecer outro volume, nesa ocasión, una Guía de lectura das bibliotecas de Rianxo.

A nivel expositivo, está previsto que a mostra de fotos de Olláparo que agora se exhibe no auditorio dea paso en novembro aos óleos de Laíño e, en decembro, ás pinturas de Paola García Paz.

Os concertos da banda xuvenil da escola musical (7 de novembro), de Aída Saco Beiroa (8 de novembro) e da escola municipal (27 de decembro), así coma os festivais das asociacións Fogo Fatuo e Vai de Roda, o 13 e o 20 de decembro, completan o intenso programa.