Alfonso Rueda avogou en Ribeira por ordenar a ocupación nas praias

BARBANZA

CEDIDA

22 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou onte o parque natural de Corrubedo para inaugurar as xornadas que levan por título Medidas para a ordenación e protección dos sistemas praia-duna. No marco destas presentouse unha guía de boas prácticas na intervención destes espazos que ten como obxectivo propor métodos e técnicas de conservación ou restauración eficaces. Tal e como sinalou o representante do Goberno galego, «trátase de promover unha cultura sensible aos valores singulares dos areais galegos que guíe o comportamento á hora de actuar neles». Engadiu que «o obxectivo non é prohibir ou renunciar ao uso das praias, senón orientar e ordenar a súa ocupación e as actividades que nelas se poden desenvolver con menos recursos».

Pola súa parte, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Manuel Borobio, remarcou aqueles aspectos da guía de maior relevancia para o seu desenvolvemento e aplicación nos diferentes instrumentos de planificación territorial e urbanística.

Borobio tamén sinalou a importancia de considerar esta guía como un documento de partida no que é necesario afondar con cada acción que se vaia a facer sobre o territorio, «un documento que iniciou a súa andadura coa identificación da liña de dinámica costeira que fixo o Plan de Ordenación do Litoral sobre a que hoxe continuamos traballando no seu coñecemento».

Os alcaldes de Ribeira, Boiro e Porto do Son tamén asistiron onte ao acto de inauguración das xornadas.