Descubrindo a Castelao en Rianxo

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A Real Academia Galega festexa os oitenta anos do ingreso do pai do galeguismo na institución cunhas xornadas que comezaron na súa vila natal e culminarán o día 30

18 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Como ocorre con calquera outro persoeiro instalado no imaxinario popular, todo o mundo sabe quen é Castelao; oíu falar del e da súa importancia para o nacemento do sentimento galeguista, da súa achega artística tanto ao mundo da ilustración coma da literatura e, sobre todo, das súas Cousas e de Sempre en Galiza. Sen embargo, o certo é que o coñecemento da súa figura é, en xeral, bastante superficial, algo ao que quere poñer remedio a Real Academia Galega (RAG) cunhas xornadas que comezaron o xoves na vila natal do gran intelectual rianxeiro e que permiten ir descubrindo as súas múltiples capas.

O programa deseñado pola RAG afondará no perfil artístico e literario de Castelao. Do que se falou o xoves en Rianxo foi da súa faciana política e biográfica, o que permitiu, da man de outro rianxeiro, Xosé Luís Axeitos, coñecer aspectos máis íntimos do pai de galeguismo e do seu trato coa súa vila e os seus veciños. O académico ofreceu a visión máis humana de Castelao, o Castelao do pobo. Falou da relación que mantivo, por exemplo, coa familia Dieste e contou anécdotas como que unha irmá de Rafael fora a súa moza ou que A Rianxeira foi un regalo dos seus veciños na emigración, ao recibilo en Bos Aires no ano 1947 tras unha viaxe a París cantando o que hoxe é o himno oficioso de Galicia.

Para afondar no Castelao político, no auditorio de Rianxo estivo Xosé Luís Barreiro Rivas, que falou das distintas etapas da súa evolución, desde unhas posturas máis moderadas ao principio, ata o galeguismo e o nacionalismo. Dixo tamén que o rianxeiro é un personaxe clásico e que como tal é quen «de seguir vixente ata o día de hoxe», ofrecendo mensaxes que non son cuestionables.

Consciencia de país

Sobre Castelao como figura política, e sobre a validez do seu pensamento aínda hoxe, Barreiro Rivas dixo tamén que foi «decisivo para crear consciencia de país». Unha idea na que redundou o terceiro dos participantes na xornada, Carlos Mella.

O presidente da Fundación Castelao incidiu na importancia do rianxeiro para a construción do nacionalismo e da idea dunha identidade como pobo, ao tempo que tamén fixo fincapé na vixencia e na actualidade das súas ideas.

Unha boa mostra de que isto é así púxoa de relevo o alcalde, Adolfo Muíños, moderador do acto, que na súa breve intervención citou dúas célebres ilustracións de Castelao moi ben acaídas a cuestións de plena actualidade. Falou o rexedor dos datos que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística sobre o retroceso que experimentou o uso da lingua: «Se somos galegos é por obra do idioma», parafraseou.

O outro asunto ao que aludiu Muíños citando a Castelao foi a loita que está a manter o sector do xeito pola súa supervivencia: «As sardiñas volverían se os gobernos quixesen».

Na mesa dos poñentes sentáronse ademais a académica Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega. Ámbolos dous participaron tamén no coloquio que se abriu ao remate das conferencias e no que o público tivo ocasión de facer preguntas.

Próximos actos

Tralo seu comezo en Rianxo, as xornadas organizadas pola RAG para conmemorar o oitenta aniversario da entrada de Castelao na institución terán continuidade o vindeiro martes en Pontevedra, onde se afondará na súa figura como artista.

Para iso haberá unha visita guiada polas salas que ten dedicadas no Museo de Pontevedra e conferencias a cargo de Miguel Anxo Seixas, Xosé Díaz e Carlos Valle Pérez, ás que se sumará Xesús Alonso Montero como moderador. O programa tocará ao seu fin o día 30 con novas actividades na sede da RAG.