«Identifícome con Castelao, coa súa loita pola defensa da cultura»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Leva catro décadas coleccionando libros, que agora amosa no seu museo

11 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente que non encaixa no escenario ou no período temporal que lle tocou vivir. Este ben podería ser o caso de Guillerme Caxaraville. Este mecánico boirense é un apaixonado da arqueoloxía, da historia e da cultura; tanto, que leva anos tratando de rescatar anacos do pasado a través dunha colección de libros que hai quen di que está entre as mellores de Galicia. El asómbrase da falla de interese que os seus veciños e os galegos en xeral amosan polo eido cultural e trata incluso de solventar esta carencia.

Caxaraville sinala que esta «incultura» que percibe ao seu redor foi a que o levou a recompilar libros que agora pon a disposición do público a través dun museo que el mesmo construíu ao lado da súa vivenda, na aldea da Galega (Macenda). Coa apertura desta sala, o boirense viu culminado un proxecto que empezaba a cobrar forma a finais da década dos sesenta: «Eu tiña 12 anos e estaba participando nun campamento en Porto do Son. Un dos monitores, vendo o interese que eu amosaba pola cultura, regaloume un exemplar de A Idade do Ferro na Galiza. A partir de aí empecei a xuntar, primeiro recortes de xornais, xa que non dispoñía de medios económicos, e despois libros».

Tratando de saciar a súa sede de coñecementos, o boirense percorreu feiras de antigüidades por todos os recunchos de Galicia e incluso viaxou a fóra da comunidade.: «Empezas con un, pero logo queres ter dous, tres... xa non podes parar». El é dos que pensan que se aprende máis lendo que vendo, mensaxe que trata de transmitirlle á xente que o rodea: «Aos amigos e coñecidos, tanto na casa como no taller, recoméndolles libros e incluso llos deixo. Algúns amosan interese pero, a maioría, pasan de todo».

Rescatar a historia

E esta é precisamente a loita continua que mantén Guillerme Caxaraville co seu entorno. A el gustaríalle contaxiar a súa paixón pola historia e pola cultura a todos os que o rodean, sobre todo, ás novas xeracións: «Recompilei libros e puxen en marcha un museo, non para que se diga o importante ou grande que é a colección, senón porque me interesa rescatar a historia de Galicia e amosarlla á xente. Penso que en cada curruncho do noso territorio hai unha cousa extraordinaria. No caso de Barbanza, por exemplo, reunín un montón de libros de autores da zona porque hai unha canteira moi boa, pero tamén porque non quero que se esqueza o que fixeron pola nosa cultura».

Tal é a preocupación deste boirense polo nivel cultural dos galegos en xeral e dos barbanceses en particular, que sinala que chegou a percorrer os mercadillos da comarca facendo unha especie de enquisa, con preguntas sobre escritores e libros. Asegura que o resultado foi nefasto: «Nada, foi moi frustrante comprobar o nivel de descoñecemento que hai».

Remóntase a épocas pasadas para facer unha radiografía da Galicia actual: «Eu identifícome con Castelao, coa súa loita pola defensa da cultura. El fixo todo o que estaba na súa man, pero o pobo non soubo responder. Agora pasa o mesmo, só catro persoas se preocupan de verdade por coñecer o pasado».

Xoias literarias

Guillerme Caxaraville trata de coñecer e espallar a cultura a través dun museo no que garda auténticas xoias: «Teño libros asinados por Murguía, Bouza Brei e outros escritores; pero tamén teño interesantes volumes de arqueoloxía ou algún dicionario con máis de 150 anos. Eu non lle dou valor aos libros, senón ás persoas que os escribiron».

No seu particular proceso de investigación, o boirense gusta tamén de pasear entre os penedos da Galea: «O granito é a representación de Galicia. Alí están as primeiras pegadas do home que se coñecen».

guillerme caxaraville