A lírica galega engrandece as xornadas Valle-Inclán

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Pilar Sampedro e Xoán Fernández Abella recitaron versos de Francisco Añón, Rosalía, Pondal e Ramón Caramiñas

06 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

As xornadas Valle-Inclán da Pobra abarcan todo o universo do creador do esperpento e a súa relación con outros autores galegos, así quedou de manifesto no acto que tivo lugar a noite do sábado no auditorio. Dous recitadores profesionais que participaron de forma desinteresada, Pilar Sampedro e Xoán Xosé Fernández Abella, declamaron versos de Francisco Añón, Ramón Caramiñas, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas e do propio Valle-Inclán.

O director do museo, Antonio González Millán, comentou que se escolleu a estes autores pola súa relevancia na literatura galega e porque todos eles tiveron contacto, nalgún período da súa vida, con Valle-Inclán.

Poema manuscrito

De Valle-Inclán recitáronse tres poemas, dous deles escritos en galego, Cantiga de vellas e Sobre o sol..., e outro en castelán, Del celta es la victoria. Desta última obra, comentou González Millán, consérvase o manuscrito, remitido en 1918 dende A Mercé para a súa publicación. Nunha serie de estrofas do mesmo, Valle-Inclán fala dunha Galicia idílica fronte a aridez de Castela.

O novo acto dos ciclo pobrense está fixado para o mércores, coa realización dun monólogo titulado Chungo, pero mañá formalizarase no auditorio do museo unha nova doazón para enriquecer os seus fondos. O artista ribeirense Manuel Ayaso fará entrega dunha colección de gravados da súa factoría inspirados na obra de Valle-Inclán.