Rianxo trasladou a problemática do xeito ao pleno da Deputación

Marta Gómez ribeira / la voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

02 oct 2014 . Actualizado a las 07:21 h.

A corporación rianxeira celebrou a última hora do martes un pleno extraordinario que estivo capitalizado pola situación do sector xeiteiro trala prohibición de pescar sardiña. A orde deixa a medio milleiro de embarcacións, máis dun centro delas de Rianxo, nunha delicada situación, así que os mariñeiros comezaron a mobilizarse en busca de apoios. Xa tiñan o do goberno rianxeiro, ao que o martes, nunha sesión extraordinaria, se sumou a oposición. E nas vindeiras semanas interesa obter o mesmo resultado do pleno da Deputación, ao que xa se lle deu traslado da problemática.

Tal e como explicou o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, a situación é «grave», de aí que se busque tamén o apoio explícito dos deputados provinciais. O propio Muíños se encargou de plantexar esta cuestión no pleno da Deputación do martes, e o asunto volverá a tratarse a través dunha moción que se vai presentar na próxima sesión.

Esa proposta será a mesma á que a corporación rianxeira lle deu o seu apoio unánime. Nela lémbrase que o xeito é unha arte de pesca artesanal, cunha longa tradición e respectuosa co medio mariño, polo que se demanda que sexa «excluída dunha norma que contén unha prohibición absoluta e indiscriminada». Esta reivindicación vaise trasladar tanto á Administración autonómica e estatal como ao Parlamento Europeo.