Exitoso arranque do curso cultural de Barbantia

BARBANZA

MARCOS CREO

01 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Había tres meses que Barbantia non citaba aos amantes da literatura e estes tiñan fame de letras. Por iso, acudiron en masa á chamada que fixo o colectivo na casa de cultura de Noia. No éxito co que a entidade arrancaba o curso cultural seguro que influíu tamén o feito de que o protagonista do encontro fose un autor local, Xerardo Agrafoxo, que presentaba o seu último libro, A maleta de Victoria Kent. Facíao arroupado polo presidente da asociación, Xesús Laíño, e polo tamén escritor Antón Riveiro Coello.

Foron moitas as persoas, chegadas desde diversos recunchos do territorio barbancés, as que abarrotaron o edificio municipal noiés. Alí estaban representados todos os eidos da cultura: os cineastas Luís Avilés e Alberte Pagán, o columnista de La Voz de Barbanza Maxi Olariaga, o historiador Antón Gallardo, e escritores como Manuel L. Rodrigues, Agustín Agra ou Iria Lago. Desde Taragoña tamén chegou á cita de Barbantia o escultor Che Tembra, mentres que de Porto do Son desprazouse ata Noia Ana Blanco, integrante da Fundación Rosalía.

A música xogou un papel destacado neste regreso da asociación cultural. O violinista Nacho e a pianista Laura abriron a velada con pezas de Schubert, Corelli e Borsak. Os dous artistas foron tamén os encargados de pechar o encontro. Elixiron un conxunto de pezas entre as que destacaba o tango Por una cabeza, de Carlos Gardel. Barbantia demostrou, unha vez máis, que a cultura esperta gran interese na comarca.