«A maleta de Victoria Kent» inaugurou o curso de Barbantia

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A casa de cultura noiesa asistiu á presentación da última novela de Xerardo Agrafoxo e do novo suplemento do colectivo cultural

28 sep 2014 . Actualizado a las 12:56 h.

O necesario descanso estival rematou e toca iniciar un novo curso. Barbantia retomou a súa actividade cultural na noitiña do venres coa presentación dun libro que mestura novela e historia: A maleta de Victoria Kent. A última publicación do noiés Xerardo Agrafoxo, editada por Galaxia, foi o fío condutor do acto no que o colectivo presentou o primeiro suplemento de A Voz de Barbantia desta nova andaina.

Houbo algún troco con respecto ao programa previsto, xa que Víctor Freixanes non puido asistir ao acto celebrado na casa de cultura de Noia e substituíuno na mesa Xesús Laíño, presidente de Barbantia. El foi o encargado de presentar aos seus acompañantes, o propio autor da novela e o tamén escritor Antón Riveiro Coello. Logo fixo unha breve reseña do novo suplemento que os asistentes á presentación acababan de recibir, o número 97 xa de A Voz de Barbantia; para rematar exaltando a novela coma «un xénero para todos» e aludindo aos grandes autores desta modalidade narrativa.

A mellor novela

Algo no que coincidiron os que interviñeron na posta de longo de A maleta de Victoria Kent en Noia, vila na que transcorre a ficción que conta Agrafoxo, é que o texto combina á perfección historia e literatura. «Son documentos históricos en novela», concluíu Riveiro Coello, quen revisou o labor desenvolvido polo autor nas súas distintas facetas para afirmar que esta «é a mellor novela de Xerardo Agrafoxo».

Falou tamén Riveiro Coello da importancia de mestres e historiadores barbanceses coma o escritor noiés e do prestixio que gañan día tras día co seu traballo.

Logo, no canto dunha intervención ao uso, o que fixo Agrafoxo foi iniciar un pequeno debate cos seus compañeiros de mesa arredor de A Maleta de Victoria Kent. Ambientada na vila de Portomaior -localidade imaxinaria na que se funden Noia e Lousame- o relato conta o devir de Liberto, un sindicalista fuxido do franquismo tralo seu intento de frear o alzamento militar do 36; trátase, segundo se dixo o venres, dunha novela «onde o individual enfróntase ao colectivo». É tamén unha obra «sen dogmatismo, sen idealización».

Música para o peche

Outras das ideas que afloraron na animada conversa que mantiveron os tres participantes no acto foi a do importante papel da narrativa galega, que, segundo subliñou Laíño, «cubriu o oco da historiografía galega tardía sobre a guerra civil española».

Aínda que o debate podería dar moito máis de si, púxoselle o punto e final do mesmo xeito que comezou o acto: coa música do violín e o piano de Nacho e Laura, que interpretaron o tango Por una cabeza, de Carlos Gardel.