«Galicia ten un patrimonio natural excepcional»

Antón parada / M. G. G. RIBEIRA / LA VOZ

CIENCIA

CÉSAR TOIMIL

O científico dará mañá unhas charlas sobre o estado do fondo mariño, no instituto Número Un e no centro Lustres Rivas

23 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O fondo mariño é unhas das zonas de maior riqueza e variedade de especies dun territorio. Na actualidade diversos métodos pesqueiros tradicionais supoñen un perigo extremo para este ecosistema. Victoriano Urgorri Carrasco (1951, Cabana) é catedrático en zooloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Este científico dirixe a Estación de Bioloxía Mariña da Graña en Ferrol, nela traballa a investigadora Xela Cunha Veira. Os dous profesionais serán os encargados de dar mañá dúas charlas en Ribeira sobre a biodiversidade da plataforma e cantil de Galicia.

-¿En que consistirán estas xornadas?

-As conferencias encádranse nun proxecto impulsado pola USC e financiado por varios organismos, entre eles a Axencia de Turismo de Galicia. Levaranse a cabo en varias localidades das catro provincias galegas e estarán centradas no título: A conservación do medio natural, tarefa común. En Ribeira haberá dúas sesións co mesmo contido: pola mañá no IES Número Un para os estudantes de bacharelato e pola tarde no Centro Cultural Lustres Rivas para todo o público interesado. Explicaremos a situación dos fondos mariños e pecharemos cunha proxección de especies que temos aquí e a xente descoñece; non hai por que ir de vacacións para ver marabillas.

-¿Cal é a situación de Galicia na conservación do medio natural?

-Deixa bastante que desexar. Galicia ten un patrimonio natural excepcional, por iso é tan perigoso. O sistema profundo, alí onde non chega a luz, é unha zona de gran descoñecemento pero contraditoriamente está sendo explotada comercialmente. Sobre todo por artes pesqueiras agresivas como é o arrastre.

-¿Cales son as zonas de especial risco?

-A Selva, fronte a Estaca de Bares, a Quiniela fronte á Costa da Morte ou o Banco de Galicia, na montaña onde afundiu o Prestige. Nestas zonas existen variedades sen estudar e non hai ningunha medida de protección, excepto no Banco de Galicia, no que se pretende levar a cabo un plan.

-¿Existe algún tipo de iniciativa para frear esta traxedia?

-Non existe ningún tipo de iniciativa porque non hai interese nin consciencia por parte dos poderes públicos. Son fondos de gran valor, debe haber zonas excluídas. Isto non é un saco sen fondo, hai que defendelo mediante a iniciativa popular.

-¿Cales poden ser os efectos desta agresión continuada?

-Se non desaparecen, como mínimo acabarán estragadas. Temos exemplos moi claros, en vinte anos transformouse todo o bosque atlántico cambiando os carballos e pinos. Se continuamos nesta liña as xeracións vindeiras quedarán sen nada de seguro. Cada ano vemos como baixa a capacidade extractiva, xa case non hai pescada. É necesario deixar un stock, pero ao final todo se traduce nos cartos.

-¿Cal é o labor desempeñado dende a Estación de Bioloxía Mariña da Graña?

-Esta base xa cumpriu 13 anos. Dende ela investigamos a flora e a fauna mariña. Agora estamos centrados na recolección de mostras do fondo abisal e cantil.