«Quero que os adultos non se aburran ao contar o conto»

antón parada / m.x.b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O Liceo noiés acollerá ata o 26 de outubro a exposición «Palabras Ilus-tradas», que fai un repaso da súa obra

18 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ás veces custa un tempo atopar o que de verdade se lle da ben a un na vida. Por exemplo, hai persoas que nacen artistas e non o saben. Roberto Chao Blanco (Boiro, 1976) comezou modelando próteses dentais sen saber que remataría sendo un reputado ilustrador de novelas infantís e xuvenís. Proba disto é a exposición que acolle actualmente o Liceo de Noia e que fai un paseo pola historia e pasos da súa obra.

-¿Como chegou a ser ilustrador ?

-Antes traballei en moitos oficios, dende modelar próteses dentais a unha cuadrilla contraincendios. Aos 25 anos metinme na escola de arte ourensá Antón Faílde pola rama de ilustración. O meu proxecto final era unha adaptación para nenos do poema rosaliano Adiós ríos, adiós fontes. Este sería o primeiro libro que acabaría publicando, con algunhas modificacións. Sobre o 2005 comecei a dar cursos de ilustración e animación. Por esa época, nunhas horas traballaba no Carrefour e noutras debuxaba, sobre todo textos que me pasaban autores. Despois da publicación de O conto dos silencios, comezaron a chegar os encargos de editoriais como Xerais, Baía e Galaxia. Agora compaxino peticións delas coas de autores e incluso coas de particulares, para os que fago desde láminas ata invitacións de vodas.

-¿Que técnica emprega?

-Comecei coa acuarela líquida, polos resultados tan luminosos. O meu punto de inflexión foi o paso da acuarela á técnica mixta cando ilustrei para Baía Don Pol e o pequeno Pin. Debuxaba os personaxes en acuarela e tras escanealos, facía o fondo co Photoshop. Actualmente fago todo en dixital co lapis óptico e a tableta; levoume tempo, pero tarde ou cedo todos teremos que meternos a isto para seguir o ritmo.

-¿Utiliza modelaxe real?

-Depende do estilo. Teño perfís máis infantís e outros máis adultos. No infantil esaxeras as cousas e tes liberdade para romper os canons. Nos adultos tes que facelo máis realista, hai máis trabas. Algún familiar teño usado.

-¿Que recolle a exposición Palabras Ilus-tradas?

-Son 150 ilustracións de libros xa editados e unha sección de inéditos. Están colocados pola data de edición comezando polo último. Na mostra pode verse a evolución da técnica, dende as acuarelas ao dixital.

-¿En que traballa agora mesmo?

-Acabo de rematar un libro sobre unha obra teatral para Redrum Producciones, que se publicará o 23 de novembro. Está destinado a nenos no marco da educación da igualdade e expón a historia dos personaxes antes da función. Son un hámster e unha rata, un representa a clase alta e o segundo a clase traballadora. Tamén teño outros encargos, como pintar a habitación dun neno con acrílicos.

-¿Prepara outras exposicións?

-A raíz da de Noia, o centro social de Boiro estaría interesado en facer unha para o 2015.

-¿Por que ilustracións infantís?

-Non me gusta enfocala só a un público pequeno. Quero que os adultos non se aburran ao contar o conto. A ilustración cambiou co tempo dende Disney, os debuxos xa non son tan inocentes.

rodrigo chao blanco ilustrador