Os maiores de Rianxo puxéronlle boa cara ao mal tempo

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

A Guadalupe vén pasada por auga pero os veciños están dispostos a vivila a tope

18 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Parece que a chuvia veu para quedar nesta Guadalupe así que aos rianxeiros non lles queda outra que poñerlle boa cara ao mal tempo e seguir gozando dunhas celebracións que avanzan máis rápido do que a moitos lles gustaría. Onte era o día dos maiores, e eles foron os primeiros en poñer o pé na rúa xa de mañá para vivir as festas como está mandado: ao pé do canón.

Así que, coa vitalidade duns mozos, os rianxeiros que hai tempo que locen canas aproveitaron ao máximo a xornada que lles dedican no programa. Ás doce acudiron á misa celebrada na igrexa parroquial en memoria dos que xa non están, e logo houbo división entre os que preferiron ir ao auditorio para ver o concerto da Banda Cultural de Arcade e os que se decidiron por botar un baile na sesión vermú; unha actuación, por certo, que estivo moi concorrida.

Despois de que a chuvia obrigara a acurtar a verbena do día anterior -a orquestra Aché suspendeu a súa actuación, que quedou aprazada para o domingo-, onte os veciños tiñan ganas de música. Aproveitando que as nubes deron unha tregua, comezaron a soar os primeiros acordes: «É algo curioso, pero de repente empezaron a saír rianxeiros de todas as idades á rúa», comentaba o alcalde, Adolfo Muíños, xa pola tarde.

Xantar de confraternidade

Trala música e o baile, chegou o momento de repoñer forzas, e os preto de 80 maiores que se sumaron ao xantar de confraternidade puxeron rumbo ao restaurante Tanxil. Despois dun par de anos, o Concello apostou por retomar esta vella tradición, así que, moi contentos, os participantes tomaron asento arredor da mesa.

Entre eles estaba unha muller moi especial, Celia Gestoso. Está xa máis preto dos cen que dos noventa anos e dende logo ten máis vitalidade que algúns de sesenta, e demostrouno acudindo coma unha máis a unha reunión na que recibiu unha pequena homenaxe por ser a de maior idade dos alí presentes. O rexedor, o tenente de alcalde, Carlos Gey, e a concelleira Adelina Ces fixéronlle entrega dun pequeno obsequio antes de deixala, xunto aos demais comensais, para que gozaran do xantar con tranquilidade.

En canto ao resto do programa de onte, ao peche desta edición íase manter segundo o previsto e as orquestras Televisión do Nordés e Marbella preparábanse para a actuación da noite. E se chove, pois que chova, pensaría máis de un que xa na xornada anterior colleu o paraugas e marchou para a verbena.