O retorno da Rondalla de Aguiño

Antón parada / J.?R. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

O conxunto de corda busca recuperar o prestixio que tivera no pasado

17 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«A ver si se enche a metade» era unha das frases que se escoitaban antes do concerto de regreso do conxunto de corda Rondalla de Aguiño no conservatorio desta parroquia de Ribeira. A expectación medraba, ante as 70 cadeiras que se colocaron para os asistentes, a medida que se ocupaban todas. O mellor foi ter que amplialas ata 100 e aínda así tivo que quedar xente en pé ante un auditorio abarrotado.

A formación levaba oito anos sen facer os habituais directos o día de santa Cecilia, na honra da patroa da música, e de Nadal. Relegados a algunhas contratacións para vodas e misas a petición popular, catro persoas da anterior agrupación decidiron reformala e recuperala con novos integrantes. No regreso, en Aguiño, a actuación contou con 17 músicos, entre eles tres profesores, que resucitaron o esplendor histórico tanxendo as cordas de mandolinas, laúdes, bandurras e guitarras. Ademais dispoñen dun pequeno coro para algunhas ornamentacións puntuais de temas.

Tras esta dura proba, víronse os froitos dos oito novos rapaces que levaban dous anos tocando e, dende maio, preparándose para a estrea do grupo que dirixen Francisco Alonso e Loli Vidal. Os antigos directores seguen implicados, pero un pouco apartados por problemas de compatibilidade. «O repertorio cambiarémolo cada concerto, o próximo vai ser máis difícil», desvelou Álex Millet Alba, o músico que levou o peso de dar as entradas á vez que tocaba.

Millet explicou que os obxectivos que teñen por diante pasan por recrutar máis membros. Sobre isto, engadiu, hai matrícula aberta para clases os sábados de 11.00 a 13.00 horas. Outro obxectivo é manter o ritmo de tocar fóra para que os mozos collan ilusión pola música. «Tocar un instrumento está demostrado que axuda nos estudos, non pode ser que Aguiño sexa coñecido só por ter un gran equipo de fútbol», demandou un dos artistas actuais desta rondalla que chegou a ter 120 membros.

Pasado glorioso

A antiga rondalla era coñecida por non fallar nunca. A avoa de Álex lembroulle cando cada 1 de xaneiro chegaban cos cotillóns e sen durmir á misa das doce. Pero tamén tocaron nunha misa na catedral de Santiago en 1997, retransmitida por RTVE para todo Latinoamérica e España. No seu palmarés musical gardan triunfos como gravar un vinilo en Madrid, un casete e un disco para a TVG, actuar no Palacio da Música ou na inauguración do monumento a Cela en Iria Flavia. Desta última gardan a anécdota de que o escritor mandou calar aos asistentes para escoitalos.