«Estou afeito a traballar con moitos menos axentes»

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

Natural de Ferrol e procedente de O Milladoiro, hai quince anos que reside na zona

07 sep 2014 . Actualizado a las 14:10 h.

Mide algo menos de dous metros. De entrada, sonríe e mírate aos ollos, pero desde arriba, o que impón moito máis. Jorge Rodríguez (Ferrol, 1972) viaxou, co uniforme da Garda Civil, por media España, algo en Galicia e moito pola provincia de A Coruña. Vive en Barbanza desde hai quince anos, aínda que o seu último destino, sendo xa tenente, foi O Milladoiro. Agora é o novo comandante de posto en Boiro, o principal cuartel da comarca con máis de 40 axentes. Por diante ten moitas frontes, pero polo de agora, aterrar, tras menos dun mes no seu novo destino.

-A súa relación con Barbanza vén de lonxe...

-Hai uns vinte anos que coñezo a zona e xa levo uns quince afincado na redonda.

-E antes de que o destinasen a Boiro, cando viña no seu tempo libre, ¿pensaba que esta é unha praza apetecible?

-Sempre pensei que Barbanza sería unha boa praza. Unha, polo ámbito familiar, xa que me aproximaría, e logo polo tipo de traballo. Crieime na costa e gústame máis o ambiente de mar que o de interior, aínda que me adapto a calquera lado. Séntome máis cómodo polo carácter da xente e algunha tipoloxía de traballos que só se poden facer cerca da costa.

-¿Por exemplo?

-A pesca e o marisqueo. Sempre traballei co Servizo de Gardacostas da Xunta, e gústame. De feito, posúo a especialidade do servizo marítimo da Garda Civil. É un ramo que me gusta moito. A conservación da natureza é algo no que tamén gozo. Ademais teño o curso de especialista no Seprona, aínda que nunca exercín, por circunstancias, pero sempre me tirou.

-¿Ten moitos cambios ou pequenos matices seguindo unha liña continuísta con respecto ó anterior comandante de posto?

-Todo xefe deixa unha pequena impronta e iso é o que espero facer eu aquí. Observo cousas que son susceptibles de mellora e iso é o que pretendo facer, pero sempre en beneficio do funcionamento da unidade, o cal redunda nun mellor servizo para a cidadanía.

-¿Que máis lle chamou a atención do posto de Boiro nestas tres semanas?

-A calidade humana, persoal e profesional dos integrantes (máis de 40 efectivos). Coas persoas que coincidín leveime moi boa sensación e por ese lado estou contento.

-¿Algún cambio no funcionamento interno do posto?

-Aquí non hai unhas funcións específicas, o que máis haberá serán delitos e faltas contra o patrimonio, como en calquera lugar. Outra fronte aberta pode ser o consumo e trapicheo de drogas, como en calquera outro lugar, e non podemos esquecer o furtivismo, que é constante.

-Están os casos de violencia machista, que aquí sempre se mimaron moito coa presenza de dous axentes dedicados unicamente a elo.

-Non teño ningunha intención de cambiar esa dinámica. Atopeime un gran grupo de traballo tanto en violencia doméstica como en violencia de xénero, que abarca os dous ámbitos e que me consta que o fan moi ben, polo que non penso mover nada neste eido. Ademais, cónstame que a poboación está moi contenta, as vítimas quedan moi satisfeitas co seu traballo e colaboran moitísimo con eles.

-O cuartel de Boiro tivo fama de ser complexo á hora de xestionalo, ¿son pantasmas do pasado?

-Me consta que esa fama existiu, pero podo garantir que desde hai bastantes anos eses problemas non se dan, e o clima, polo xeral, é bo. Teño boas referencias e polo pouco que vin nestas tres semanas observo unha boa calidade humana, profesional e persoal.

-¿Considera que ten todos os medios necesarios?

-Estou afeito a traballar con moitos menos axentes

-Falaba antes do consumo e o trapicheo de drogas, pero ¿que sucede coas persoas que están por encima desa base? ¿Hai constancia de movemento estupefacientes a nivel medio ou grande en Boiro ou A Pobra?

-Non me consta, aínda que iso non quere dicir que non existan unidades especializadas traballando para deter a este tipo de organizacións na zona. Hoxe esas organizacións non traballan igual que hai anos, o fan un pouquiño máis... ¿como dicilo? Antes escoitábanse planadoras continuamente pola ría, e iso agora non é así. Esa actividade realízase dun xeito moito máis oculto, o que non quer dicir que non estean aí e que nós non vixiemos.