Decibelios con selo barbancés

Antón parada / m.?G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

O grupo de «indie» deixou a súa pegada en festivais coma o FIB, o BBK ou o Primavera Sound

07 sep 2014 . Actualizado a las 17:16 h.

A Coruña, ano 2004. Mentres uns rapaces xogan despreocupados ao tute na mesa dun bar, dende a ventá dun piso de estudantes dúas guitarras desgastadas manteñen unha dialéctica de acordes. Era o terceiro piso do que serían invitados a marchar a rianxeira Isabel Cea Álvarez e o boirense Rodrigo Caamaño Díaz. Dez anos despois, a súa banda, Triángulo de Amor Bizarro, conta con catro discos e máis de 500 directos, nos que percorreron toda España, Portugal e gran parte de Latinoamérica; acadando o galardón mexicano IMAS á mellor banda española e catro premios UFI da música independente no 2011.

El cursaba Económicas, unha carreira que non lle gustaba. Ela compaxinaba estudos con traballos de camareira, expropiando algunha copa para a cuadrilla se o xefe se despistaba. Reuníanse nun soto coruñés que amañaron como local de ensaio e que aínda segue en funcionamento. «Invertíamos toda a enerxía e tempo libre en ensaiar», explica a baixista. Debutaron sendo Os Jíbaros, nun concerto de apoio a un barrio que ía ser derrubado por orde de Francisco Vázquez, cando o indie aínda era un espellismo no panorama musical galego.

Trala gravación do seu primeiro disco, con Carlos Hernández, na residencia dos pais de Rodrigo en Abanqueiro, mudaron a base de operacións a este inmoble. E actualmente é o refuxio onde o grupo de denominación xeométrica se encerra para crear as súas composicións. Agora traballan nas que integrarán o próximo disco. «Reunímonos catro días da semana para tocar nunha especie de Gran Hermano, pero o que nos une é a comida de Ana», bromea Cea en referencia á nai do guitarrista. Estes músicos teñen moi claro que tocar é o camiño da felicidade, a súa forma de vida, manténdose fieis á idea inicial: «Intentar convencer aos demais, non que os demais che convenzan a ti».

A combustión desta supernova musical tivo lugar nun garito madrileño de Carabanchel, a Gruta 77, que a falta de público estaba repleto de xente do mundo das discográficas. Alí coñeceron ao representante da que ata agora é a súa discográfica, Mushroom Pillow. «Foi un choque. De dar algún concerto nun bar a de repente estar na Razzmatazz diante de tres mil persoas», lembraba Caamaño. Triangulaban España catro veces por semana nunha furgoneta sen aire acondicionado: podían estar tocando en Marbella ás tres da mañá para ter que estar en Lisboa compartindo escenario cos Smashing Pumpkins e os White Stripes ás catro da tarde.

A morriña

Triángulo de Amor Bizarro sempre buscou a controversia, rexeitando a mediocridade e a indiferenza do público. Esa valentía é a que lles permite gardar recordos privilexiados, como un concerto en Arxel co que engancharon a unha inexperta cultura árabe a este estilo musical. Contan con experiencias que poderían considerarse trofeos para moitos, coma unha proba de son na que sacaron das súas casillas ao cantante de Radiohead.

Despois de rular polas rúas das principais capitais europeas, moitos fans pregúntanse por que Triángulo de Amor Bizarro volve a Barbanza. Para eles é un paraíso no que atopan a estabilidade acompañados da familia e acadan a harmonía entre os catro músicos que comparten esas catro paredes.

Agora cada canción acaba converténdose nun fillo en constante loita coas outras, pero a morriña alcanza dimensións líricas. Con especial cariño Isabel Cea rescatou do primeiro disco o Collar de perra. «Llevar navaja siempre es conveniente», é o verso arrincado do tema Crimen, o favorito de Caamaño, que o recita a modo de consello de despedida.

Rodrigo Caamaño Díaz e Isabel cea Álvarez integrantes do grupo triángulo de amor bizarro