Os ribeirenses espremen os festexos de Santa Uxía con tres xornadas

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Os ribeirenses sairá á rúa o día 12 para acompañar á súa patroa na procesión<span lang= es-es >. </span>
Os ribeirenses sairá á rúa o día 12 para acompañar á súa patroa na procesión. Marcos Creo< / span>

O programa enriquécese coa incorporación de máis concertos na rúa e obradoiros da cultura urbana

06 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Trala sucesión de actividades festivas do verán, parece que aos veciños de Ribeira os dous días das celebracións de Santa Uxía lles sabían a pouco, así que este ano espremeuse o programa ao máximo e os ribeirenses poderán gozar de tres xornadas de actividades, ás que se sumarán dúas citas novas o día 14.

Onte deuse a coñecer o programa das festas, no que destaca a incorporación de novos actos, coma os concertos na rúa e a cultura urbana. A concelleira de Educación, Elvira Pisos, detallou as citas máis destacadas dunhas celebracións que comezarán o próximo xoves. Nesa primeira xornada, destacan as primeiras actuacións do programa Na Patrona si se Toca, que correrán por conta de Os Chiquilicuatres e High Hummingbirds. Ao festival de rock tamén se sumará nos días seguintes B-Clan.

Outra nova proposta é o Ribeira Folk, que contará coa participación de Musgalicia, Aires de Dorna, A Roda, Habelas Hainas, Tahume, The Dog Rose e Os Tres Trebóns. Todos eles subirán ao escenario do Malecón entre os días 12 e 13 tanto pola noite como na sesión vermú.

Oferta para os cativos

Aínda que para as festas os cativos xa terán iniciado o curso, o día de Santa Uxía non é lectivo en Ribeira, así que están programadas variadas actividades para os rapaces. Haberá, por exemplo, unha xornada de pintura ao aire libre para nenos a partir de 3 anos e, o sábado, outro de taekuondo, ademais dos talleres de cultura urbana, nos que se inclúen clases de grafiti, skate, beatbox e turntablism, así coma espectáculos de rap, patinaxe e breakdance.

No apartado de baile tamén haberá unha ampla oferta cos festivais que organizan tanto Amas de Casa de Ribeira como a asociación Alfaia. As clases de zumba tampouco faltarán no programa da man do colectivo que preside Magdalena Bringas.

E no que respecta á cultura, durante as xornadas de festa terán lugar as presentacións do libro Catálogo de naufraxios na Costa da Morte, de Rafael Lema Mouzo, e do disco Barbancia Sacra, de Lauda Sión, que ofrecerá un concerto na igrexa parroquial.

Día grande

Por suposto, na programación do día grande das celebracións, o 12, ocupan un espazo preferente os actos relixiosos. Ao mediodía comezará a misa solemne, cantada pola coral do Círculo Mercantil de Ribeira, na honra da patroa da cidade. Acto seguido, as autoridades acompañarán a Santa Uxía na procesión polas rúas do centro. O desfile irá acompañado da Banda de Música de Negreira e do grupo de gaitas O Pichote, de Palmeira.

Na presentación dos actos festivos, a concelleira Elvira Pisos destacou a colaboración de asociacións e colectivos sociais do concello, así como o traballo conxunto dos distintos departamentos municipais implicados na organización, desde o de Cultura ao de Xuventude.