Éxodo cara o San Ramón de Bealo

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A calor non evitou que a romaría boirense fora multitudinaria

01 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O San Ramón de Bealo é desas festas ás que dá gusto ir. Nas que a xente baila na sesión vermú, brinda arredor dun mantel estirado no chan e non existe o abismo xeracional porque pequenos, grandes e medianos gozan por igual da celebración. Sobre todo cando, como é o caso, o 31 de agosto cadra en domingo e prodúcese un auténtico éxodo de romeiros chegados de toda a bisbarra para render tributo, cada un á súa maneira, ao patrón das embarazadas.

Nun día coma o de onte, un pode atopar no monte de Bealo convivindo en perfecta harmonía a mozos que apenas durmiron trala festa da noite anterior con fieis que acoden cada agosto ás misas de san Ramón e futuras nais que buscan o favor do santo aínda que non sexan devotas entusiastas. Entre as avultadas barrigas que acudiron á romaría estaba a de Nuria, que, a dous días de saír de contas para o nacemento de Mateo, acudiu á cita en Bealo e contaba que nunca faltan á festa, e este ano con máis motivo: «Temos o costume de vir comer e, claro, tamén pos unha vela para, como me di a xente, pedir por que o parto sexa unha horiña corta».

E non era a única, posto que a capela estivo ateigada toda a mañá de fieis que colleron un ramiño bendicido e acenderon unha vela na honra de san Ramón.

Mentres, á unha da tarde, e baixo un sol de xustiza, o palco da orquestra encargada da sesión vermú converteuse temporalmente nun altar para a misa solemne. Quen máis e quen menos buscaba un recuncho de sombra escapando da abafante calor, pero os fieis seguiron a cerimonia estoicamente. Igual que logo fixeron coa música da agrupación Fin de Siglo ao tempo que, no monte, o cheiro da comida que preparaban aquí e acolá para o xantar o invadía todo.

Menú variado

O churrasco é un dos pratos preferidos das familias e grupos de amigos de acoden a Bealo, pero, como en todo día grande de festa que se precie, houbo quen se decantou polo marisco. Bois de mar e cigalas abrían o apetito nunha das mesas, mentres, a uns metros de alí, dúas mulleres transportaban unhas caixas de plástico cheas de lagostinos. Un pouco máis alá, unha carne ao caldeiro recén saída do lume era o menú doutra familia.

É que a xente que acode á romaría habitualmente non o fai de calquera xeito, coida ata o último detalle. Víveres de todo tipo, mesas e cadeiras, neveiras, toldos para o sol e incluso hamacas colgadas das árbores daban boa conta do despregue de medios que fan en Boiro para gozar do multitudinario xantar e da interminable sobremesa posterior, que acostuma prolongarse ata a tardiña.