Sesión de risoterapia co tándem Blanco-Davila

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

O Tapal encheuse de gargalladas no adeus ás festas de San Bartolomeu

31 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Risas de principio a fin. Foi o único que se escoitou durante arredor dunha hora nunha ateigada praza do Tapal o venres pola noite como réplica a dous mestres do humor galego. O tándem formado polo actor Carlos Blanco e o humorista gráfico Luis Davila ofreceu unha reparadora sesión de gargalladas que deixou ao público con ganas de máis.

Menú do día é o nome dun espectáculo que combina a palabra coa imaxe, de xeito que a medida que Carlos Blanco falaba do chuvioso verán e «da ponte que lle fixeron aos médicos de Santiago para ir a Portosín sen ter que facer a excursión por Noia», Davila pintaba nunha pantalla en branco a paisaxe da ría noiesa.

Un cuarto de século había que o actor arousán non actuaba en Noia -aproveitou a ocasión para saudar á familia que ten na vila e dedicarlle o espectáculo á súa tía Amalia-, pero non quixo acaparar el só o protagonismo e cedeulle boa parte ás viñetas do seu compañeiro sobre o escenario, uns debuxos que fixeron que os asistentes estiraran o pescozo para poder ver ben o que aparecía na pantalla. Incluso houbo un momento no que un dos personaxes do ilustrador, Dora, cobrou vida ante o público.

Non faltaron temas clásicos no repertorio de Blanco, como a proliferación de Jonatans na selección galega de fútbol ou a visita de Belén Estaban ás bravas mariscadoras da Arousa, que combinou con alusións á comarca, á ponte sobre a ría, ao misterio da torre da igrexa de San Martiño e a súa aparición en Cuarto Milenio ou á rivalidade cos de Outes. Un cóctel ao que se engadiu a interacción co público, as cancións e a música para crear un menú que deixou un gran sabor de boca e un sorriso nos beizos.