«Loitaremos pola reserva mariña»

María Hermida
María Hermida RIBEIRA / LA VOZ

FISTERRA

MARCOS CREO

O dirixente muradán di que algunhas normas pesqueiras «non teñen sentido»

31 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Daniel Formoso, que leva oito anos dirixindo a confraría de Muros e foi reelixido o mes pasado para seguir no cargo, é destas persoas que prefiren falar de menos que de máis. Non é fácil sacarlle as palabras. Sen embargo, non ten problemas en mostrarse contundente en cuestións polas que outros pasan de puntiñas para non ferir sensibilidades. Un exemplo. Falamos dos novos botiquíns que lle esixen ás lanchas do marisqueo, con máis de trinta produtos a bordo, e sinala: «Hai normas pesqueiras que non teñen sentido, que as fai xente que de pesca e de mar non sabe nada, e por iso saen así».

-Enfróntanse a un novo mandato, ¿que o animou a volver a presentarse ás eleccións?

-Pois ver o consenso que tiñamos para seguir gobernando e que houbo xente que mo pediu.

-Vostede é bateeiro, é curioso que mariscadores e mariñeiros deixen que sexa un mexilloeiro o que os dirixa....

-Pois aquí en Muros parece que de momento están contentos. De todas formas eu teño libreta de mariñeiro dende os catorce anos, andei a mariscar e a todas as artes. Non me son descoñecidos eses mundos, que foron moitos anos mariscando e pescando.

-¿Cales son agora mesmo os principais retos que teñen?

-É difícil dicir cales son porque os problemas xorden dun día para outro. Pero creo que o que máis nos preocupa é a falta de cupos na pesca. Que a xente queira saír a gañar o pan e non poida pescar por falta de cotas non é nada bo. E iso pasa.

-No seu día Muros defendeu que unha maneira de que o sector puidera xestionar os seus recursos era contar cunha reserva mariña, ¿seguen apostando por ela?

-Por suposto que loitaremos pola reserva mariña. Esa idea partiu de Muros pero, salvo unha confraría, Corcubión, que se apartou, o resto apóiana todas. Queremos unha zona reservada desde Fisterra hasta Porto do Son. Esperemos que a consigamos.

Daniel Formoso patrón maior de muros