Vai de Roda celebra o seu décimo aniversario sacando o baile tradicional á rúa

M.G. RIBEIRA

BARBANZA

O sábado vai haber unha clase ao aire libre ás portas da casa consistorial rianxeira

28 ago 2014 . Actualizado a las 21:18 h.

Dez anos hai que iniciou a súa andaina o grupo de baile e música tradicional Vai de Roda, e para celebrar este aniversario a agrupación vai saír á rúa. O sábado, na praza Castelao, vaise levar a cabo un obradoiro de baile aberto a calquera veciño que queira participar. O obxectivo desta actividade, que se vai desenvolver entre as 11.30 e as 13.30 horas, é difundir e manter vivo o folclore tradicional galego, ao tempo que se mostra como é o traballo nunha escola de baile. Con esta proposta, Vai de Roda tamén busca dar a coñecer a súa actividade e captar novos alumnos.

Este obradoiro ao aire libre, no que poden participar persoas de todas as idades, non será o único que leve a cabo a agrupación. A intención do colectivo é celebrar outras dúas xornadas de portas abertas, unha de canto e pandeireta e a terceira dedicada a unha clase de gaita.