O baile e a música de Fogo Fatuo ateigaron a praza Rafael Dieste rianxeira

Ribeira / La Voz

BARBANZA

CEDIDA

19 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Como fixera hai máis de medio século no restaurante Feliciano, a primeira gravación da Rianxeira volveu soar na vila que dá nome ao himno oficioso de Galicia, desta volta desde o pazo de Martelo. Esta peza puxo o punto e final á edición número doce do Festival de Baile e Música Tradicional Aleivosía, unha cita xa clásica que organiza a asociación Fogo Fatuo e que ateigou a praza Rafael Dieste na fin de semana.

Cada ano, o grupo Aleivosía procura «rescatar» unha peza de baile da tradición da vila rianxeira. Esta vez, a elixida foi a cantiga que pecha os festexos da Guadalupe, unha das actuacións máis aplaudidas polo público que seguiu o festival desde a improvisada grada na que se converteron as escaleiras da igrexa ou estirando o pescozo para ver algo entre as ducias de persoas que se deron cita na praza.

Houbo outras ovacións, a máis sonada para os cativos da agrupación, algúns de apenas tres anos de idade. Unhas noventa persoas de entre tres e sesenta anos de idade, entre pandereteiras, gaiteiros e os grupos de baile, pasaron polo escenario demostrando que a música tradicional ten moito futuro por diante en Rianxo.