O executivo estuda fórmulas para evitar o aparcamento na área portuaria de Corrubedo

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Xestiona a cesión dunha parcela de gran tamaño para habilitar estacionamentos

14 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O estacionamento de vehículos na área portuaria de Corrubedo constitúe un problema ao que dende hai tempo intenta buscar unha solución axeitada o executivo de Ribeira. Por unha banda, o feito de que aparquen os coches constitúe un perigo, especialmente no verán, porque a vila recibe a numerosos visitantes e a praia da Robeira acostuma a estar chea de rapaces.

Ao mesmo tempo, no lugar concéntranse gran número de locais hostaleiros aos que acode moita xente e as fermosas vistas que ten a zona quedan parcialmente deslucidas pola presenza de vehículos.

Hai un par de anos, un veciño cedeu unha finca ao Concello para que servise de lugar de aparcamento. O terreo atópase nas proximidades da área portuaria. Xa nese momento a intención era reducir o número de coches no borde litoral. O obxectivo non se cumpriu, polo menos non tal e como se agardaba.

Agora, o Concello xestiona co dono de outra finca dun tamaño maior a cesión para habilitar máis espazo para o estacionamento de vehículos. Deste xeito poderase evitar a entrada de coches á zona portuaria para que poida converterse nun espazo eminentemente peonil.

Vindeiro ano

Sen embargo, a actuación non poderá materializarse ata o vindeiro verán, polo que os responsables municipais disporán de tempo suficiente para planificar o acceso de vehículos e para acondicionar a parcela de xeito adecuado.

Durante o estío son numerosos os vehículos que aparcan na fachada litoral e xa en varias ocasións xurdiu a necesidade de buscar unha solución para evitar a presenza masiva de turismos nunha localidade con tanto atractivo.