«Eu pretendo que a confraría sexa unha organización interactiva»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

O novo responsable defende o reparto dos bancos de libre marisqueo

03 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Electricista de profesión, a crise económica dos noventa levou a Juan Miguel Iglesias, novo patrón maior da Pobra, a converterse en produtor a flote: «Tiña unha embarcación na casa e púxena en regra para ir ao mar». Agora afronta un novo reto, dirixir a confraría, aínda que xa ten asumido responsabilidades no pósito porque foi presidente do colectivo de mariscadores, despois dunha serie de dimisións, no período 2005-2008.

-O proceso electoral na Pobra foi tranquilo, ¿pódese dicir que lidera unha etapa continuísta?

-Non é continuísta nin rupturista. Ninguén pensa igual que outra persoa. Considero que Manuel Maneiro fixo un excelente traballo e eu, ao igual que outros socios, traballamos con el. Eu pretendo que a confraría sexa unha organización interactiva. Todo o mundo ten que aportar ideas e participar; todos temos que arrimar o ombro porque 180 persoas pensan máis que unha.

-¿Como están sendo estas primeiras xornadas?

-Teño que poñerme ao día coa axuda do asistente xurídico e da secretaria. Ata agora só tiven un par de reunións para romper o xeo. Eu sigo indo ao mar. O único que cambia é que agora, cando vou pesar as capturas, o encargado dime: ?tes que ir falar coa secretaria?. Por agora non cheguei a ningún iceberg. Nesta semana que entra teremos varias reunións. Pouco a pouco irei poñéndome ao día porque non podo recibir toda a información de golpe, sería moito.

-¿Cales son os principais problemas da entidade?

-A escasa produción, todas as confrarías teñen o mesmo problema. Eu calculo que en dúas das praias, Raposiños e O Areal, debemos estar ao 1% de produción de marisco con respecto a vinte ou quince anos atrás, e na da Ribeiriña debe ser dun 25% como moito. Agora hai 87 embarcacións con permex, cando chegamos a ser máis de 120, e deben ir ao mar unhas setenta persoas. A pé hai un cento.

-¿Ten remedio esta situación?

-Eu sempre digo que hai que mover unha cousa para que caian moitas. Nesta baixa produción hai un cúmulo de factores: alteración das correntes mariñas, verteduras, recheos, limpezas, pouca preocupación pola pesca artesanal. A miña utopía é que todos puideran vivir destas rías. Se o mariñeiro ten cargos tamén se benefician os traballadores de terra porque hai consumo e créase emprego. Estase descoidando a pesca artesanal e, a verdade, non sei se ten moito remedio. Eu vivín unha época fantástica, entre os anos 1997 e o 2000, que regresabas da praia cun soldo. Botaras onde botaras o raño collías bivalvo. Isto agora non pasa.

-Algún proxecto terá para intentar mellorar as cousas.

-Comprobamos que onde medra máis o marisco é nuns areos que fixemos nós, tanto na liña exterior do peirao como na escollera. Sen embargo, o tempo pasou, as correntes alteráronse e a cousa vai indo a menos. Botar area é unha solución. Tamén sería bo ter un criadeiro para a ría. Lembro que hai anos pedirámoslle a Mar unha nave que había no polígono de Couso, pero déronlle a concesión a unha empresa para unha piscifactoría.

-¿E na comercialización das capturas, pódese actuar?

-Ese é un dos eixos. Non entendo porque os intermediarios teñen que levar un porcentaxe tan elevado. Eu aposto, ao igual que Manuel Maneiro, pola centralización as vendas de marisco de Arousa norte e sur. Deste xeito evitaríanse intermediarios e especulacións e, ao mesmo tempo, poderían entrar a comprar o produto grandes distribuidores. Aquí chega moito marisco de fóra que entra moi facilmente e copa o mercado. Estase vendendo por galego produto que non o é. A miña intención é retomar o proxecto da centralización das vendas. Incluso son partidario de coller unha vendeduría en Ribeira, unha vez que a nova lonxa estea feita, porque é posible que ao rexistrarse tanto movemento nesta instalación consigamos prezos máis elevados.

-O furtivismo é outro dos grandes problemas.

-Sempre estivo aí e sempre estará. Agora ben, hai que diferenciar entre o das tramas organizadas e o furtivismo duns turistas, dun toxicómano ou dunha familia con poucos recursos, que agora hai moitas, que collen un puñado de bivalvo para facer un arroz. Na nosa confraría tivemos un vixiante agredido, sabemos ben o que fan os grupos organizados. Agora mesmo, debido á situación económica, estamos baixo mínimos. Só temos catro e deberíamos ter nove persoas encargadas de controlar as praias.

-¿Ten previsto reunirse coa Consellería do Mar?

-Si, e vou pedir todas as axudas posibles.

-¿Só axudas?

-Non, tamén o areal de Cabío. Parece ser que a Xunta vai medir os bancos. Eu propoño un número de metros cadrados equitativo por mariscador, pero sen quitarlle nada a ninguén. Hai que repartir o libre marisqueo. Non ten sentido mantelo tal e como están os plans marisqueiros.

Juan Miguel iglesias patrón maior de a Pobra