A consellería cualifica de «pouco exemplar» a ausencia do alcalde na visita ao Noela

Noia / La Voz

BARBANZA

30 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A situación do coliseo Noela, pechado dende hai preto de tres anos, non contribuíu precisamente a estreitar a relación entre a Consellería de Cultura e o Concello de Noia. E a visita que o luns fixo o titular deste departamento autonómico, Xesús Vázquez, ao teatro evidenciou a falta de sintonía. Os representantes do equipo de goberno, co alcalde, Rafael García Guerrero á cabeza, ausentáronse no medio do recorrido, unha actitude que dende a consellería cualificaron onte de «pouco exemplar».

Fontes do departamento autonómico explicaron que, cando na metade do percorrido polo Noela o conselleiro se decatou «da ausencia inexplicable e calada» do rexedor, evitou facer ningún comentario «por respecto ao pobo de Noia». Sen embargo, e despois de que o alcalde falase de «desprezo» por parte de Vázquez para explicar a súa marcha, a consellería decidiu saír ao paso deixando constancia «diante de todos os seus concidadáns do seu censurable comportamento» e recordando a negativa do goberno local a facer unha achega económica para as obras do coliseo Noela.