O actor Luis Iglesias visitará Ribeira no marco dos actos da Fiestra da Cultura

B. Oujo / A.?G. ribeira / LA voz

BARBANZA

25 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O actor galego Luis Iglesias, coñecido principalmente polo seu papel como Carmelo na serie Matalobos, visitará Ribeira o 22 de agosto. O intérprete será o encargado de presentar a gala-espectáculo Verbena galega. Nesta actividade actuarán os grupos Coanhadeira e Os Cuchufellos. Esta proposta presentouse onte, no centro cultural Lustres Rivas, dentro do programa da Fiestra da Cultura. O acto estivo presidido pola concelleira Elvira Pisos, acompañada polo técnico Segundo Durán.

Tamén o artista Francis Lorenzo, que participou nas producións Médico de familia e Mis adorables vecinos, entre outros títulos, visitará o municipio con motivo da proxección da película Águila Roja. A iniciativa pertence ao ciclo de Gas Natural Fenosa de cine itinerante en Galicia e terá lugar na praza de España o 29 de agosto, sempre que o tempo acompañe.

Ademais, o día 9 exhibirase o filme Encallados, do cineasta galego Alfonso Zarauza. Esta actividade celebrarase ao carón do palco de pedra do Malecón ás 22.30 horas. Cabe destacar tamén a representación teatral Cinderella Mix, da cal poderán gozar os interesados o 29 do vindeiro mes no auditorio municipal. A parte, están programadas outras propostas, como unha macrofesta infantil da populachada ou o espectáculo Pistactiva.

Concretados os días

Aproveitando este acto tamén se deron a coñecer as datas da feira Artemar e das festas de homenaxe á patroa. A primeira celebrarase entre os días 22 e 24 de agosto. As rúas Santa Uxía, Galicia, Lustres Rivas e Malecón, así como as prazas de España e Pablo Neruda serán o escenario desta iniciativa. As segundas festexaranse o 11 e 12 de setembro, clausurando a Fiestra da Cultura 2014.