Unha peña diferente para a festa que racha cos moldes

borja oujo / r.?i. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

borja oujo

Comando Dorneiro cumpre unha década esta singradura mantendo o mesmo espírito que nos seus comezos

24 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ao longo dos máis de 25 anos de historia que teñen as peñas da Festa da Dorna, foron moitas as que pasaron pola Real e Ilustre. Diferentes nomes e xente, así como distinto espírito. Entre todas estas figura Comando Dorneiro, que cumpre unha década. A agrupación non é especial por ter un gran número de dorneiros nas súas filas, nin por ter unha gran historia. O que a fai especial é que durante os días de celebración pasa a converterse nunha familia.

A pesar de contar cunha cifra reducida de inscritos, esta peña destaca pola súa orixinalidade. Este ano presentaron no Jran Prix de Carrilanas un tanque e representaron unha escaramuza na recta final do percorrido. En edicións pasadas participaron no Jran Premio Ícaro de Voo sen Motor coa famosa nave de Luke Skywalker no clásico La guerra de las galaxias. No referido ás embarcacións, lograron impresionar a todo o mundo co seu iceberg con tobogán que fixeron na última singradura.

Participar en todas estas actividades supón un reto para este grupo, que conta cuns recursos limitados e aínda así logra conseguir grandes creacións. Isto débese á dedicación e imaxinación dos seus membros.

Un estilo marcado

Comando Dorneiro naceu a partir dun grupo de amigos, que cansados de pertencer a peñas nas que a xente nin se coñecía, decidiron fundar a súa propia. Nela imprimiron o seu espírito dorneiro e o seu modo de vivir a celebración. Este continúa presente a día de hoxe, tanto nos antigos membros coma nas incorporacións máis recentes. Para poder entrar na peña, o interesado debe ter aprobación de todos os integrantes. Esta medida busca que a xente que xa está dentro non se sinta incómoda coa chegada de novos grumetes.

O Comando actualmente non ten fanequeira, a pesar de contar coa posibilidade de ter unha, estes dorneiros rexeitaron esta idea. As rúas de Santa Uxía son o seu territorio. O patrón desta peña é José Ramón Fernández. El sempre defendeu a idea de que «calquera membro do Comando Dorneiro sempre atopará un amigo en calquera dos integrantes da peña».

verano.es