A praza Castelao de Rianxo xa é escenario dunha nova edición da Feira do Libro. A media mañá abrían as seis casetas instaladas por outras tantas librarías na vila e que conforman o epicentro da proposta cultural. Pero, onte xa houbo un acto vinculado a esta cita, a presentación do libro «O primeiro retorno de Castelao», unha obra póstuma asinada por Manuel Dourado Deira. O volume relata a viaxe clandestina a Galicia do busto do galeguista no ano 1975, figura que hoxe se pode ver no paseo da Ribeira. Na casa consitorial rianxeira déronse cita, ademais de familiares e amigos do escritor falecido no 2012, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; o rexedor local, Adolfo Muíños; o editor, Rafael Janeiro; e o prologuista, Xosé María Monterroso.
Entre os actos da Feira do Libro previstos para hoxe figuran un roteiro teatralizado a cargo de Quinquilláns (12.30 e 22.30), a inauguración oficial da cita cun pregón de Xesús Rábade Paredes (13.00), a presentación da publicación «Creador@s de Rianxo» (20.30) e unha observación astronómica (23.30). O programa prolongarase ata a noite do domingo.