Unha ruta de tapas abrirá o cartel da Festa da Xouba

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Unha trintena de locais participan na iniciativa que precederá á gran cita, que incorpora receitas innovadoras

23 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que a gran cita gastronómico de Rianxo está fixada para o venres, mañá xa se servirá un aperitivo. É que a vixésimo segunda edición da Festa da Xouba arrancará cunha ruta de tapas, á que se sumaron uns trinta establecementos hostaleiros, tanto da mesma vila de Castelao como de outros puntos do municipio.

O presidente da patronal local, Alfonso Castro, explicou que a idea é ir caldeando o ambiente cunha iniciativa que repercuta no sector hostaleiro. De feito, de cara ao futuro, a intención é incorporar un concurso, con un xurado formado por coñecidos mestres dos fogóns.

Si que hai confirmada algunha que outra novidade para o día da Festa da Xouba en si, que arrancará ás 11.00 horas cunha actividade promovida polo colectivo Entreagullas, que convocou aos afeccionados ao ganchillo na praza de Padrón para confeccionarlle un chal á Rianxeira.

En canto ás degustacións, haberá unha ás 12.30 e outra a partir das 20.00 horas. Ademais de xoubas fritidas, asadas e en empanada, a organización pretende amosar receitas innovadoras, entre as que se barallan calamares recheos da especie mariñeira por excelencia de Rianxo. As racións serviranse acompañadas de cachelos, pementos e mexillóns. Os nenos terán un menú propio integrado por variedades de xouba, como hamburguesas e croquetas.

Unha ruta de sendeirismo, inchables para os cativos e a música de Vai de Roda e Os Perucos completan o programa.