Pinto Pinto Jorjorito gañou o Jran Prix de Carrilanas dorneiro

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A Real e Ilustre acertou coas medidas de seguridade da proba, aínda que fallou na lentitude coa que baixaron os vehículos

22 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Soe ser unha das actividades estrela da singradura dorneira e, nesta edición, a número 66, non foi menos. Aínda que o sol brillou o domingo no ceo de Ribeira, foron moitas as persoas que sacrificaron a recta final da tarde de praia para vivir en directo o vistoso Jran Prix de Carrilanas, no que participaron 28 orixinais artefactos. O considerado mellor polos xuíces acreditados pola Real e Ilustre, foi o coche de choque de Pinto Pinto Jorjorito.

A diferenza da outra carreira de carrilanas que se disputaba a tarde do domingo en Barbanza, o Gran Prix de Esteiro, no caso de Ribeira o que primaba non era a velocidade, senón a orixinalidade. Por iso, a imitación dun coche de Lego pilotada por membros de Arria o Jallo se fixo co segundo posto; mentres que o terceiro foi para o mini de As Navallas de Palmeira e o cuarto, para o coche de época dos Rapantes.

Sobre o asfalto da costa da Mámoa voaron outras orixinais carrilanas coma unha carretilla elevadora, un tanque ao que non lle faltaba detalle, unha especie animal situada entre pato e gaivota, unha avioneta ou un carro de romanos.

A Real e Ilustre quixo nesta ocasión extremar as medidas de seguridade da singular competición e conseguiuno instalando vallas ao longo de toda a estrada, detrás das cales se situaron os espectadores, e colocando unhas alpacas de palla na recta final do Jran Prix. Fallou na lentitude coa que baixaron os vehículos, un comentario xeneralizado ao longo da hora que tardaron todas as carrilanas en cruzar a liña de meta.

Tamén a organización da proba foi consciente do erro. De feito, desde a confraría, onte sinalaban: «Nesta edición melloramos en canto a vistosidade e seguridade, quixemos que houbera exhibición; para o ano trataremos de poñer o énfase en acadar espectacularidade, conseguindo que as carrilanas baixen máis seguidas».

Cansión de Tasca

A Real e Ilustre tamén fixo onte públicos os nomes das cinco peñas que mañá disputarán a final da Cansión de Tasca. Trátase de Os Pintos Joden Quintos, Estou que Escacho, Berberechos Asasinos, Que Polvaso Tes, Tabeiróns Caralludos e Ratos da Illa.