A Deputación financiará a contratación de cuadrillas de obra municipais

ribeira / la voz < / span>

BARBANZA

22 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O plan de emprego deseñado entre Xunta e Deputación para favorecer a contratación de traballadores permite aos concellos dispoñer de persoal durante os vindeiros meses. Neste marco, o organismo provincial que preside Diego Calvo investirá 810.000 euros para sufragar a contratación de brigadas de obra por parte das Administracións locais.

As axudas están dirixidas a concellos con menos de 20.000 habitantes, o que significa que das mesmas poderán beneficiarse dez da bisbarra barbancesa. En concreto, o programa permitirá proporcionar emprego a tres persoas en cada municipio. A Deputación de A Coruña asume o custe íntegro, polo que as Administracións locais non terán que desembolsar cantidade algunha.

Mantemento e limpeza

Os equipos encargaranse tanto da realización de pequenas obras como do mantemento e limpeza de redes viarias e espazos públicos.

A medida xa foi aprobada polo organismo provincial nunha sesión plenaria que tivo lugar o pasado mes de maio. Agora ponse en marcha a súa materialización coa publicación das axudas que recibirá cada un dos concellos beneficiarios, que no conxunto da provincia son 80.

A incorporación destes traballadores sumarase a outras que tiveron lugar durante os últimos meses en diversos concellos barbanceses.