A singradura dorneira comezou coa surada de Quico Cadaval

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A intensa choiva obrigou a suspender a tradicional carreira do facho

20 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Mollada, e moito, foi a Serimonia de Inisiasión da Festa da Dorna de Ribeira, pero non hai singradura que se deteña pola auga e moito menos se controlando a navegación durante a surada hai un home como Quico Cadaval, que sabe tanto das cousas do mar coma da terra.

Tiña que ter dado o pregón desde o balcón do Museo Municipal, pero ao final acabou con traxe de augas nunha carpa do Malecón, acompañado da fiandeira do Rueiro que, casualmente, chámase Kika, de apelido Fernández. Ela teorizou sobre a posibilidade de que fora Santa Uxía a causante de tanta choiva na noite do venres, pero Cadaval sentenciou que a patroa da capital barbancesa non é rancorosa.

Coa auga como elemento condutor, Cadaval relatou unha particular historia da festa, situando a Noé como primeiro carpinteiro de ribeira e artífice da dorna, herdeira do drakar vikingo. Definiu a festa como integradora e asegurou que invita ao amor, advertindo de que debe escollerse a arte de pesca axeitada: cerco, palangre, arrastre ou nasas.

Guateque deslucido

Coma se dun maleficio se tratase, a medida que remaba o pregoeiro cara a despedida intensificábase a choiva, sen que se percibisen síntomas de tregua.

Con ese escuro panorama no ceo non había facho dorneiro que aguantase e o seu lume festeiro acabou apagándose baixo a auga e, polo tanto, non puido celebrarse a carreira.

O guateque tamén foi deslucido, aínda que as rúas do casco urbano de Ribeira estaban cheas de persoas de toda idade e condición ataviadas coas camisetas e pañoletas e dispostas a facerlle fronte á choiva.