Máis de vinte horas de música porán o ritmo en Antrospinos

Borja Oujo / J.R. RIBEIRA

BARBANZA

monica ferreiros

O festival amplía de dúas a tres xornadas a súa oferta, sendo a primeira gratuíta, ao igual que a acampada o fin de semana

18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre os días 24 e 26, a localidade rianxeira de Taragoña acollerá a sétima edición do festival Antrospinos, organizado pola asociación cultural que ten o mesmo nome. Onte, os organizadores anunciaron os últimos detalles destas xornadas de troula. O mais salientable é que os asistentes poderán gozar de cerca de 20 horas de música, ofrecida por 18 grupos e un par de pincha discos. O prezo da entrada é de 6 euros anticipada e 10 en taquilla.

Unha das principais novidades deste ano será a ampliación dos días de festa, que pasa de dous a tres. Ademais, a primeira xornada será gratuíta. Como en pasadas edicións, a zona de acampada gratuíta será en Campo Maneiro, a poucos metros dos escenarios onde soarán as formacións musicais. Ademais, os asistentes terán a posibilidade de mercar produtos típicos galegos nas tendas de artesanía que se instalarán no recinto.

A organización do festival aproveitou a presentación para agradecer aos veciños e a corporativa municipal a súa colaboración. Carlos Rial, integrante do colectivo Antrospinos, declarou que «é necesario dar as grazas á xente que veu o ano pasado, xa que era unha situación complicada. O día antes produciuse o accidente de Angrois, cando xa estaba todo montado, e non puidemos suspendelo. Iso significaría a fin do festival», explicou Rial.

Grupos internacionais

O cartel desta edición inclúe conxuntos tanto nacionais como internacionais. Entre os mais destacados están os galegos Familia Caamagno. A banda Habelas Hailas, formada por catro mulleres, porá un toque de música tradicional. A veterana agrupación arxentina Capitán Tifus, con máis dunha década de traxectoria, será outra das protagonistas. La Tarrancha, The Lakazans, Sonido Vegetal, Labregos do tempo dos Sputnkis ou Iván DZ, entre outros, serán os encargados de seguir coa festa.

Ademais da música, que acompañará aos participantes durante os tres días de festa, outro dos pratos fortes será a procesión en «matraquillo», que recorrerá as rúas de Taragoña parando en cada bar e amenizando a tarde aos veciños desta localidade rianxeira.