«Non iría nunca vivir a Sanxenxo ou Combarro, pero si a Ribeira»

La Voz

BARBANZA

12 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Partindo da base de que Barbanza aínda ten solución, urbanisticamente falando, Fernández Coto achega unha serie de pautas a seguir, entre as que se atopan a rehabilitación dos cascos vellos, a recuperación das aldeas, o respecto polas tradicións e a procura dun equilibrio entre o traballo, o turismo e a sustentabilidade: «Non podemos deixarnos obnubilar polo turismo e as grandes infraestruturas abrasando o territorio, temos que mimalo. A xente ten que empezar a amar, a entender e a valorar a arquitectura tradicional».

Ten claros cales non poden ser os modelos a seguir: «Sanxenxo, onde destruíron todo para vivir de dous meses de sol e praia, e Combarro, onde acabaron coa pesca, que era o seu medio de vida, para vender bruxas. Non podemos converter os lugares en parques temáticos».

Poboacións equilibradas

Ten claro que se tivera que elixir de novo un lugar de residencia, quedaríase con Barbanza: «Non iría nunca vivir a Sanxenxo ou Combarro, pero si a Ribeira ou a Rianxo, son poboacións equilibradas». Iso si, bota en falla un transporte público eficiente «que evite o emprego constante do coche».