«A nivel urbanístico, Barbanza non pasa do aprobado raspado»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

12 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non é barbancés de nacemento, pero si de corazón. O estradense Carlos Fernández Coto desembarcou na comarca nos anos 90, para exercer de arquitecto municipal na Pobra. Daquela case tiña claro que este recuncho da ría arousá ía converterse no seu lugar de residencia, unha decisión que pasou a ser firme no 2000, cando iniciou a súa etapa laboral no Concello de Rianxo. Non dubida en sinalar que o eido urbanístico que por motivos laborais o trouxo a estas terras tamén foi determinante cando resolveu quedarse nelas: «Barbanza é un dos mellores sitios de Galicia para vivir, é a parte da costa galega que está menos deteriorada. É unha comarca acolledora, familiar, con paisaxes impresionantes que aínda podemos preservar. Conserva a esencia orixinal das terras das rías e o equilibrio entre a sociedade e o mar».

E de todas as estampas que conforman esta fermosa Barbanza que describe o arquitecto, el destaca unha, a Praciña de Rianxo: «É un recuncho acolledor, cheo de historia vinculada ao xerme de Barbanza, á pesca». Estar sentado no cruceiro que preside esta praza, mirando cara as rehabilitadas vivendas de pescadores que a rodean, sérvelle a Coto para lanzar unha petición: «Quero chamar a atención da cidadanía de que precisamos recuperar o patrimonio, a arquitectura vinculada ao feito popular, as casas mariñeiras».

Planeamento mellorable

Aínda que se desfai en piropos cara ao territorio barbancés, o arquitecto é estrito á hora de puntuar a situación na que se atopa a comarca: «A nivel urbanístico, Barbanza non pasa do aprobado raspado. A situación é mellor que en outras zonas costeiras de Galicia, pois aquí aínda se pode recuperar algo, pero o planeamento é manifestamente mellorable, debendo dotar de plans máis modernos e sustentables, reducindo alturas e densidades, evitando a vivenda colectiva en zonas de casas unifamiliares e creando máis plans de protección coma os de Muros e Noia».

Concretando, Carlos Fernández Coto sería quen de salvar desta apreciación xeralizada «lugares fermosos coma Rianxo ou Corrubedo», mentres que dá por perdidos outros núcleos «que se están estragando, como Escarabote e Portosín». É que, para el, o gran problema que ameaza esta comarca é a tendencia a masificar as zonas costeiras: «Temos que acadar un urbanismo sustentable no tempo e compatible coa nosa paisaxe».

Neste sentido, o arquitecto recoñece que case se alegra de que a crise irrompera hai uns anos afectándolle de cheo ao sector da construción: «Barbanza é un dos lugares aos que menos dano lle fixo o bum do ladrillo. Aquí non houbo un impacto tan grande coma en Pontevedra ou na costa lucense porque, afortunadamente, chegou a crise, pois si que empezaba a ser un problema. Penso que a recesión económica nos deu a posibilidade de reflexionar, de pararnos a ordenar a situación e a estudar cara onde queremos camiñar e a onde queremos chegar».

barbanceses no seu recuncho carlos henrique fernández coto