«Un proxecto altruísta nunca ten garantida a continuidade»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

Deixa no aire o futuro do certame, ao que concorren cen cintas

14 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O venres da semana que ven desenvolverase, na casa de cultura de Boiro, a gala de entrega dos premios Olloboi. Este acto servirá de colofón a varios meses de intenso traballo por parte dun grupo de persoas que, integradas no colectivo Marearte, decidiron, aínda sen ter medios, sacar adiante un festival que servira de plataforma de promoción para os afeccionados do audiovisual, sobre todo, para os estudantes. O esforzo destes altruístas, entre os que se atopa Ana Moreiras, mestra no instituto A Cachada, xa tivo unha recompensa importante, pois a esta edición do certame concorreron máis de cen traballos.

-¿Satisfeitos coa participación?

-Moi satisfeitos, pois é o ano no que máis traballos concorren ao certame. O certo é que tiñamos a ilusión de que puidese haber unha cifra importante, pero non tan elevada.

-Ademais, boa parte dos traballos proceden de centros de ensino, así que, ¿obxectivo cumprido?

-Si, máis dun 80% dos traballos proceden de colexios e ese era precisamente un dos nosos obxectivos. Valoramos moito o feito de que os mozos queiran construír e crear.

-E a comarca de Barbanza, ¿ten a representación esperada neste festival?

-Houbo participación, sobre todo do instituto Praia Barraña. Tamén se recibiron traballos do centro da Cachada e algún de Dodro. A comarca está presente, vese que hai gañas de constar no Olloboi.

-¿En que fase se atopa agora o certame?

-Pois o venres pechouse o prazo para as votacións do público, coas que se outorgará un dos premios. Para o resto das categorías hai dez traballos seleccionados e o xurado terá que elixir.

-¿Quen vai integrar ese xurado?

-Pois a nosa idea é que fose un xurado do que formaran parte profesionais do sector e conseguimos ter representantes de peso. Vai estar Manolo González, galardoado co premio de honra nos Mestre Mateo, e a actriz Mónica García, que ademais vai presentar a gala do día 23.

-¿Como vai ser esta cerimonia?

-Pois estamos aínda buscando patrocinios para que sexa o máis lucida posible e poida incorporar algunha actuación musical. É importante dicir que os premios serán produtos artísticos específicos e non sinxelos diplomas.

-¿Garante o éxito que tivo a convocatoria unha nova edición do festival?

-Un proxecto altruísta nunca ten garantida a continuidade. É difícil, porque o festival Olloboi dependen das axudas que nos conceden as empresas da zona e, para conseguilas, temos que pedir porta por porta. A nosa intención é mantelo, pero precisaríamos apoio institucional.

-¿Ata onde lle gustaría chegar?

-O gran obxectivo é a difusión dos traballos que concorren ao certame. Creo que é o mellor premio, pois o galardón económico que nós podemos outorgar non deixa de ser unha esmola. Estamos en contacto con outros festivais para ver se poden promocionar as cintas premiadas.

ana moreiras organizadora do festival olloboi