«A feira de Noia está no alto do ránking galego»

BARBANZA

MARCOS CREO

24 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No pasado colaborara coa organización da cita, pero hai tres anos, Jacobo Pérez Paz, o presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, colleu as rendas da feira noiesa de San Marcos. Asegura que foi quen de recuperar unha exposición que estaba en decadencia.

-¿Tan mal pintaba o futuro para a feira cabalar noiesa?

-Era unha feira que corría o risco de desaparecer. Nós presentamos un plan de recuperación a catro anos e estamos executándoo. Este ano, por exemplo, está prevista a participación duns 70 cabalos nos certames. Ademais, o programa de actividades é moi completo.

-¿Como se encarrilou esta recuperación?

-Baseándonos na nosa experiencia, pois este ano por exemplo organizamos 21 feiras e exhibicións por toda Galicia, fixemos partícipes aos gandeiros da tradición que ten a feira de Noia, que naceu coas novilladas que se facían antes da temporada de toros a nivel estatal.

-¿Acadou a feira o seu punto álxido?

-Aínda non, pero cremos que pode acadarse na vindeira edición. Este ano temos concursos de pura raza galega, de exemplares cruzados e de pura raza árabe, pero falta incorporar os de pura raza española. Só poderán facerse cando a feira coincida en fin de semana, pois a maior parte dos animais teñen que vir de fóra.

-¿Que posto ocupa no ránking galego de feiras?

-A día de hoxe está por diante da de Santiago, tanto a nivel de organización como de montaxe e de premios. A feira de Noia está no alto do ránking galego.

-¿Cales son as expectativas tendo en conta que as previsións meteorolóxicas non son nada boas?

-As expectativas son moi boas. Nós temos intención de celebrar a feira tal e como está prevista aínda que chova. O único que pode frearnos é un aviso de emerxencia. Tamén hai actividades, como a exhibición de doma, que si estarán condicionadas á intensidade da chuvia, pois hai elementos que poden danarse coa auga.

-¿Cales son as actividades estrela desta edición?

-Por unha banda, temos a andadura, único deporte tradicional ecuestre federado en Galicia, na que se espera unha participación elevada, pois xa hai confirmacións desde diferentes puntos de Galicia. Logo está o número especial de El Zorro, que foi presentado na Pascua de Padrón e resultou un éxito rotundo.