De caza ou de pesca

Carlos F. Coto ARQUITECTO DE RIANXO

BARBANZA

20 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O paradigma da conxuntura inmobiliaria que vivimos podémolo atopar nos deportes da caza e da pesca. De xeito metafórico podemos observar como sobrevoan o noso territorio falcóns axexando na procura de presas despistadas ou necesitadas: vivendas baratas, apartamentos á metade de prezo que hai un lustro, casas á venda por baixo do custo de construción.

A caza de gangas para colocar os aforros, tal vez cartos recuperados das preferentes, é o único mercado que se move, na espera de tempos mellores. Non podemos falar aínda dunha recuperación estrutural, na que albisquemos o final dun drástico período de seca construtiva.

Os gromos verdes non son máis que movementos de translación de capitais a nichos máis seguros e semellan operacións parellas á da bolsa cando os valores tocan fondo. Logo de calquera tormenta chega sempre a calma, pero tal e como aconteceu coas cicloxéneses deste inverno, parece que desta vez sairemos da crise moito máis tarde do previsible.

Nunca tantas vivendas houbo baleiras, nunca tantas construcións sen rematar, nunca o peto inmobiliario dos bancos estivo tan cheo, polo que non temos bagaxe suficiente para calibrar a muda de tendencia, pero estudos que manexan os expertos non amosan luz verde ningunha.

Mentres algúns andan á caza, outros andan á pesca de incautos turistas estivais ofrecéndolles gangas para obter liquidez: impensable hai algúns anos atopar residencias a trinta mil euros, practicamente a prezo de custo. Triste realidade e triste titular o de promotores lucenses promovendo laicas procesións en Semana Santa para despachar edificios no medio dos fentos e dos toxos, sen urbanizar e sen servizos.

Vender o país a cachos, fixar como obxectivo inmobiliario a construción masiva de apartamentos de saldo para turistas é pan para hoxe e fame para mañá, unha pobre marbellización que dá as derradeiras rabexadas. Sóanos esta cantiga que foi xeralizada hai algún tempo. Moitos dos pisos construídos non se venderán nunca, e a maior parte dos vendidos terán que ser reformados para se adaptar ás novas Directivas Europeas de 2020 para acadar a máxima eficiencia enerxética que nos van esixir.

Aprendamos dos erros pasados e mudemos a estratexia de crecemento.