«Está saíndo á luz un cúmulo de estruturas moi interesantes»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Dirixe os traballos que se realizan no castro da Cidade

16 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde hai tres semanas, o castro da Cidade de Ribeira rexistra unha inusual actividade. Un grupo integrado por quince arqueólogos traballa na zona para tratar de sacar á luz restos que permitan coñecer o pasado deste xacemento. Á cabeza desta actuación está Miguel Ángel Vidal. Asegura que aínda é cedo para extraer conclusión algunha, pero recoñece que as impresións sobre o que pode agochar este anaco do territorio ribeirense son moi boas.

-¿Que se fixo nestas tres semanas de traballo?

-O que fixemos foi iniciar a escavación na plataforma superior do castro, nunha área ampla de intervención. Empezamos xa a ver os primeiros derrubes, un montón de pedras que se corresponden con vivendas que no seu día estiveron en pé. Está saíndo á luz un cúmulo de estruturas moi interesante.

-¿Era previsible?

-Si que estaba dentro do previsto, o que ocorre é que non tiñamos referencia algunha deste castro, porque nunca fora intervido e só estaba á vista unha estrutura moi pequena.

-¿Que significado pode ter esa concentración?

-Haberá que seguir baixando para ver que datos nos proporciona o traballo. A maior parte das conclusións vanse extraer nos niveis máis profundos.

-¿Que materiais habería que atopar para chegar a conclusións significativas?

-Teríamos que atopar restos cerámicos ou de pedra tallada. Para ter unha datación fiable sería ideal extraer carbón, pois poderiamos determinar o período de ocupación do castro.

-¿É máis interesante esta actuación polo feito de ser un castro sen explorar?

-Efectivamente. O noso equipo é pioneiro. É máis, chegamos pensando que a zona estaba arrasada, pero eu creo que non é así. Penso que a superficie que estivo habitada se pode conservar moi ben e incluso me atrevería a dicir que vai haber sorpresas.

-Establecéronse dous meses para as escavacións, ¿é tempo suficiente?

-Nós imos traballar nunha zona concreta, pero a idea é que o proxecto teña continuidade e que se poida ir aumentando a superficie investigada para ter máis coñecemento sobre a historia do lugar.

-¿Que lle gustaría atopar?

-Cada castro ten unha microhistoria que contar. Eu estou aberto a todo, porque sei que todo o que saia de aquí será único. Cada xacemento ten as súas particularidades.

-Xa pero, ¿cara onde apuntan as súas expectativas?

-Apuntan alto, só polo feito do tamaño que ten o castro, preto de dúas hectáreas, cando o normal nesta zona é a metade. Penso que iso ten que ter un significado. Pode ser porque ocupaba un lugar central no territorio ou ben porque tiña unha vinculación económica ou política con outros xacementos próximos. Gustaríame atopar unha secuencia ampla, distintos niveis de ocupación que permitan recrear a historia de Ribeira.