«Gardo unhas quince mil fotos feitas nos últimos oito anos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Amosa unha colección de imaxes no centro social de Boiro

10 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A posta en marcha, hai seis anos, do colectivo Olláparo permitiulle aos boirenses afeccionados á fotografía acceder a cursos formativos e compartir experiencias. Algúns incluso se animan, de cando en vez, a amosar o seu traballo. É o caso de Bernardino González, que ven de abrir unha exposición xunto con Eduardo Estévez no centro social boirense. Nesta ocasión, as pedras constituíron o centro da diana cara a que dirixiu o obxectivo da súa cámara.

-¿Que vai atopar o público nesta exposición?

-Pois é unha colección de fotografías de pedras, no meu caso, tal e como están na natureza, coas formas distintas que presentan. Hai desde caras ata animais diversos.

-¿Onde localizou estas orixinais formas?

-Parte delas están aquí, en Barbanza, aínda que tamén hai algunhas de Carballedo (Lugo), a miña terra de orixe.

-¿Como se lle ocorreu confeccionar esta serie?

-Unha das miñas afeccións é camiñar polo monte e foi así, vendo as orixinais formas que tiñan algunhas pedras en función da súa orientación ou dos efectos da luz, como se me ocorreu facer esta serie. O meu compañeiro de exposición, Eduardo Estévez, achega unha colección de instantáneas de pedras modificadas pola intervención do home.

-¿Están sempre as súas fotos relacionadas coa natureza?

-Non, eu fotografo case todo o que se me pon diante, desde unha actividade deportiva ata unha festa, pasando por praias e paisaxes. Eduardo e eu collemos nesta ocasión a temática das pedras porque non se tratara en ningunha outra exposición de Olláparo.

-¿Empezou con Olláparo a súa afección pola fotografía?

-A miña afección empezou case cando tiven diñeiro para mercar unha cámara. Iso si, ao principio era autodidacta e foi con Martín Casanova e con Olláparo cando me tomei isto en serio e cando fun adquirindo coñecementos.

-¿Valora entón de xeito positivo a existencia desta entidade?

-Por suposto. Antes andabamos todos os afeccionados por libre e agora estamos en contacto de levamos a cabo actividades conxuntas. Tamén influíu a irrupción da fotografía dixital, que permite facer fotos a custe reducido.

-¿É vostede un defensor da tecnoloxía dixital?

-Non é que sexa un defensor, pero teño que recoñecer que a tecnoloxía dixital popularizou a fotografía, fíxoa accesible a todo o mundo. Antes só uns poucos, con coñecementos e medios, podían facer isto, pois o revelado era caro. Agora, un fai as fotos que quere e logo imprime as que lle interesa e, o resto, gárdaas en discos duros.

-¿Cantas ten nos seus arquivos persoais?

-Pois precisamente nestes momentos estou facendo unha selección de todo o material que teño en discos duros, porque gardo unhas 15.000 fotos feitas nos últimos oito anos.

Bernardino gonzález fotógrafo