«Non hai límites, as novas tecnoloxías son universais»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Constata un interese cada vez maior por parte dos maiores

18 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai xa varios anos que a Xunta se marcou como obxectivo garantir o acceso de todos os cidadáns ás novas tecnoloxías. Para conseguir este reto, dotou á práctica totalidade de concellos de aulas equipadas con ordenadores e coordinadas por un axente TIC ou, o que é o mesmo, un monitor da tecnoloxía da información e da comunicación. En Porto do Son, desde comezos deste mes de marzo, José Ramón Santos Dios é o encargado de achegar o complexo mundo da informática a todo aquel que quere deixar de ser un analfabeto dixital.

-¿Cal é a súa misión no territorio sonense?

-Por unha banda, eu son unha figura docente, encargada de impartir diferentes cursos, pero tamén teño como misión dinamizar aos grupos e deseñar un plan de formación. Neste sentido, o primeiro que fixen foi promocionar as actividades que se van desenvolver e captar a posibles candidatos. A vantaxe é que en Porto do Son se desenvolven cursos nas distintas parroquias, de feito, algúns deles xa están en marcha.

-¿Trátase entón de chegar ao maior número de persoas posible?

-Efectivamente. Por iso, as clases van dirixidas, por unha banda, aos nenos, como actividade extraescolar, e por outra, aos adultos, a nivel de alfabetización informática. Empezamos xa en Porto do Son e en Portosín, pero iremos estendendo a rede a outras parroquias a medida que se vaian montando grupos.

-¿A alfabetización dixital da poboación é o obxectivo destas aulas de informática?

-Si, do que se trata é de facer chegar as novas tecnoloxías a toda a poboación. Incidimos nos nenos, tratando de que vaian collendo destreza mediante xogos e actividades lúdicas; e nos maiores, que se ben antes vían as novas tecnoloxías como algo afastado, agora danse conta da importancia que teñen á hora de facer determinadas xestións. Estamos detectando incluso gran interese polo manexo das redes sociais que lles permiten, por exemplo, manter contacto directo e económico con familiares que están residindo no estranxeiro.

-Nenos e persoas maiores, as diferenzas a nivel docente serán abismais...

-Si, o certo é que coas persoas maiores fai falla moita máis experiencia e destreza docente. Trátase de persoas que se bloquean facilmente, polo que o primeiro obxectivo é sacarlles o medo e conseguir que se vaian familiarizando co ordenador.

-Para este colectivo, ¿cales son as trabas principais á hora de manexar o ordenador?

-O máis difícil é entender os conceptos, as palabras do eido informático. Bótaos para atrás, por exemplo, o feito de que o vocabulario sexa maioritariamente inglés. Con eles hai que facer un exercicio de motivación grande e constante co fin de lograr que non abandonen ante as primeiras dificultades. É importante facer prácticas de forma inmediata para que vexan a utilidade que ten a informática e o partido que poden sacarlle.

-Dificultades aparte, ¿calquera pode introducirse no mundo da informática?

-Non hai límites, as novas tecnoloxías son universais. Por moi maior que sexa a persoa, é cuestión de tempo e paciencia que sexa capaz de manexar un ordenador e poder desenvolverse con determinadas ferramentas. Estamos tentando tamén crear grupos de mediana idade, incluso cun perfil universitario, que estaría dirixido á procura de emprego a través de Internet. Queremos abarcar o maior número de veciños posible.

José ramón santos dios axente TIC en porto do son