Encadeados á cultura na Pobra

María Hermida
maría hermida RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Barbantia presentou nun cálido acto «Cadeas», o libro gañador do premio Xerais 2013

02 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai cadeas das que un nunca se querería soltar, das que permanecería pendurado para e por sempre. Seguramente, iso sexa o que lles pasa aos que conforman a familia de Barbantia coa cultura, coa que están intimamente ligados de xeito total e permanente, tal e como volveron amosar o venres a última hora na Pobra. Nun acto cheo de agarimo, presentaron o libro que gañou o premio Xerais 2013, escrito por Xabier López López que, precisamente, se titula Cadeas. E que fala de cadeas algo máis difíciles, por exemplo, da escravitude que ás veces supón a busca do lector polo autor.

Esa reflexión foi feita polo propio creador da obra, que tamén dixo que o título da novela ven dado porque se trata dunha serie de historias encadeadas. O texto, no que a ironía e o humor teñen unha vital importancia, e que tamén toca aspectos como a violencia e o colonialismo cultural, da ganas de lelo só escoitando o que dixo Xabier López del: «A novela foi unha aposta moi forte, a dificultade será escribir outra despois desta, na que o autor puxo o mellor de si mesmo», afirmou con rotundidade. E isto saíu da boca unha persoa que ten publicadas dez obras coas que gañou galardóns tan importantes como o Lueiro Rey, o Vicente Risco, o García Barros e o premio Xerais. Así que as súas letras prometen.

Precisamente, Agustín Agra, biólogo, narrador e socio de Barbantia falou de que o libro é moi creativo, nada convencional, e moi propio dun creador que ás veces vai por diante da forma tradicional de analizar a literatura. Agra, que iniciou un diálogo con Xabier López e fixo referencia tamén ás súas escritas anteriores, foi a persoa que se ocupou de presentar o número 92 do suplemento A Voz de Barbantia, de La Voz de Galicia.

Entronque coa gastronomía

Tamén falou no acto celebrado na Pobra o adegueiro Francisco Crusat. Fíxoo para facer referencia á importancia da cultura gastronómica, que tamén axudou a mudar a imaxe de Galicia, dando categoría internacional aos viños e á cociña. Como autor dun dos caldos propios de Barbanza, feitos con uvas raposo. Crusat queixouse de que estes viños non entren na denominación Rías Baixas, posto que a comarca está moi ligada á ría de Arousa e á provincia de Pontevedra. Crusat Mesturou no seu discurso tamén viño con literatura, ao lembrar que o propio Valle-Inclán intentara no seu día salvar os viños propios da comarca cunha iniciativa posta en marcha en Colo de Arca, pero que fracasou.

Quen non navega no mar do fracaso é o viño elaborado por Crusat, da adega Entre os Ríos, que ao final do acto se puido degustar acompañado duns petiscos. Mentres, a libraría Ler, que colaborou co acto, puxo á venta novelas do último premio Xerais de Novela, dese Cadeas que con tanto entusiasmo se presentou.