«Hoxe a cultura é dos cidadáns»

XOSÉ MANUEL TRIÑANES

FIRMAS

Subliña que actualmente a xente non se conforma con ser espectadora

24 abr 2014 . Actualizado a las 20:14 h.

A carón do retrato de Ramón Martínez López, o gran intelectual de Boiro que dá nome á nosa Casa da Cultura, charlamos na radio con Alberto García. Na conversa xorden interesantes conceptos como creatividade, innovación, imaxinación, xestión, dinamización e infraestruturas culturais no Boiro do século XXI.

Alberto García leva vinte anos traballando en cultura, quince como técnico municipal no Concello de Boiro, onde coordina o centro social, un equipamento que se caracterizou sempre por apoiar e fomentar a creatividade dos veciños.

-Por que é importante apostar pola creatividade?

-Primeiro é importante apostar pola cultura, polo coñecemento, por fomentar o desenvolvemento persoal necesario para unha sociedade próspera que facilite unha vida digna. Tamén no eido económico a creatividade é importante porque supón o paso previo á innovación, e no mundo da globalización a nós probablemente tocaranos sobrevivir en base a unha economía creativa, innovadora e de valor engadido. Unha «economía do coñecemento e da imaxinación» que primará as persoas creativas.

-Na xestión e dinamización cultural, que é máis importante, as ideas ou os cartos?

-As ideas son fundamentais, aínda que como dicía Castelao, o máis importante é convertelas en realidades. Para iso, no meu traballo, impúlsanse e dinamízanse procesos sociais nos que, a través da implicación e da colaboración de moitas persoas, se conseguen ás veces máis resultados que con grandes orzamentos.

-Como afecta a crise económica á actividade cultural?

-Penso que a crise económica afecta fundamentalmente á industria cultural, que é un sector económico, ademais dunha parte importante do noso sistema cultural. A industria cultural está nunha crise múltiple, a da caída xeneralizada do consumo, a do cambio de modelo de negocio en sectores como o musical, o audiovisual ou o editorial e tamén na do recorte do gasto público en cultura. Sen profundar no papel que a Administración ten ou debera ter na defensa, fomento e apoio económico á cultura, ao patrimonio, ao ensino, etcétera, si me gustaría dicir que sempre se acusou a industria cultural de «vivir das subvencións», cando hai outros sectores que teñen recibido historicamente moitos máis fondos públicos e incluso rescates integrais da súa actividade.

?Hai menos cultura nestes tempos, entón?

-Non. Como dicía, é a cultura profesionalizada a que máis sofre. Porén, a cultura de base, a de proximidade nos barrios e parroquias que se autoxestionan, a cultura dixital que favorece a democratización da xeración de contidos non profesionais, a cultura maker, o «faino ti mesmo» derivado disto e da propia crise, e, sobre todo, a «cultura fóra da cultura», isto é, a creatividade aplicada a todos os eidos da vida, fan que os aspectos creativos e culturais estean máis presentes na vida das persoas e sexan máis valorados ca nunca.

-Entón, hai público para a cultura, hai demanda de produtos culturais?

-Claro que si, só que o mundo cambia. Antes todo era máis sinxelo, había artistas e público, había enciclopedia e lectores, había cine e espectadores, había emisores e receptores. Hoxe todo é máis complexo. A xente non se conforma con ser simples espectadores senón que tamén queren ser xeradores de contidos, e a era dixital favoréceo. Youtube é un exemplo de que queremos xerar contidos audiovisuais e compartilos, Wikipedia de que tamén queremos participar na xeración do coñecemento. Un exemplo pequeno e local témolo en Boiro co tema da memoria fotográfica. Hai anos iniciouse un traballo de recollida de fotografía antiga e fíxose a través dos profesionais da fotografía, da historia, etcétera. No último mes, a través dun Facebook particular que xa está no milleiro de seguidores-colaboradores, téñense recollido colaborativamente máis fotos antigas e información sobre elas que en dez anos de traballo. Claro que nos interesa a cultura, máis que nunca. Só hai que investigar como, onde e de que forma, cada quen quere formar parte dela.

-Boiro ten medios suficientes para levar a cabo o desenvolvemento cultural que necesita?

-Si. Tense investido moito nos últimos vinte anos e, na actualidade, Boiro conta con dez equipamentos culturais públicos repartidos por todas as parroquias e un equipo de profesionais moi completo. Pero o máis importante é que Boiro conta cunha viveza económica e social que fan de nós un pobo moi dinámico e capaz, onde a oferta cultural xorde de múltiples axentes.

?Despois de proxectos exitosos dende o centro social de Boiro e de traballos noutras entidades como Xunta de Galicia, Xacobeo, Culturgal ou Cidade da Cultura, de que se sente máis orgulloso?

-De poder traballar no que máis me gusta e de poder facelo no meu pobo, colaborando dende a Administración pero con moitas outras persoas, entidades e colectivos; de facer de Boiro un bo lugar onde vivir.

ILUSTRACIÓN ABRALDES