«O reto é que a casa de Castelao sexa algún día sede da fundación»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Mella confirma que manteñen a negociación coa familia, pero recoñece que «está verde»

09 feb 2014 . Actualizado a las 15:20 h.

Un reducido grupo de intelectuais comandado polo boirense Ramón Martínez López dábanlle forma no ano 1984 á Fundación Castelao. Eran testemuñas do esquecemento ao que estaba sometida a memoria do galeguista e querían darlle a volta á situación, perpetuando o ideario do autor de Sempre en Galiza. Naquel selecto clan atopábase Carlos Mella, a persoa que hai un ano colleu o relevo de Avelino Pousa Antelo á fronte da entidade. A nova etapa que emprendeu a asociación serviu, cando menos, para darlle máis protagonismo ao berce de Castelao, Rianxo.

-¿Como lembra aquela primeira etapa da Fundación Castelao, na década dos oitenta?

-Foi unha etapa moi difícil, porque cando algo é novo custa arrancar. Os medios eran pouquísimos e a colaboración da xente deixaba moito que desexar. Algúns subíronse ao carro porque querían presumir de galeguistas, pero non tiñan interese real na causa.

-¿Como estaba en aquel momento o legado de Castelao?

-Completamente espallado. Foi un proceso longo, pero conseguimos reunir toda a obra de Castelao e hoxe está dixitalizada. A diferenza con respecto ao que había hai 20 ano é abismal.

-¿Que o levou a animarse a asumir a presidencia?

-Nestes tempos corruptos e materialistas, para min, galego, ser presidente da Fundación Castelao é impresionante. Os que estamos no padroado considerámonos moi beneficiados pola sorte.

-¿Como se accede a ese selecto grupo?

-A día de hoxe somos dez persoas, pero os estatutos recollen que haxa ata 15. Cando quedan vacantes, os socios reúnense, barallan unha serie de nomes e elixen. Sen máis.

-¿Como atopou a fundación cando chegou á presidencia?

-A verdade é que a desorganización era notable. Había unha gran desconexión con outros organismos relacionados con Castelao. Pero non quero botar a vista atrás, tentei arranxar o que estaba mal, penso que o conseguín e, agora, toca tirar para adiante.

-¿Sempre tivo claro que Rianxo tiña que ter máis protagonismo?

-Claro que si. Aínda que Castelao estivo casado na Estrada, Rianxo é a súa base. É unha mágoa que esta vila non teña aínda máis protagonismo debido ás liortas existentes entre os herdeiros e o Concello.

-Refírese, claro está, á casa natal do escritor...

-Si, eu confío en que no futuro se solucionen os problemas. O reto é que a casa de Castelao sexa algún día sede da fundación.

-Vostede, como presidente da fundación, ¿está mediando de algún xeito neste conflito?

-Si, claro que si. Estamos facendo esforzos importantes. Eu mesmo fun a Madrid para falar cos herdeiros, pero non puiden arranxar nada.

-¿Cal pensa que é nestes intres o gran obstáculo?

-O certo é que non o sei. Penso que o conflito enraizou demasiado e a razón xa non funciona, por iso non vexo o camiño para unha posible solución.

-Semella a piques de arroxar a toalla...

-Non, non. Desde a fundación queremos seguir adiante coa negociación e imos tentalo, pero a verdade é que teño que recoñecer que o asunto está moi verde.

-E, mentres, a sede física da fundación seguirá entón en Santiago...

-Si, pero só a nivel de edificio, de oficina desde a que facer xestións, porque a sede virtual está xa en Rianxo. Nesta vila viñemos celebrando as últimas reunións e así seguirá sendo. Ademais, nunha dependencia que nos cedeu o Concello no Cuartel Vello imos poñer en funcionamento o Centro de Estudos Castelao. Este é o gran proxecto que ten agora mesmo a fundación enriba da mesa.