«Vexo na arte unha ferramenta de intervención social, un proceso que toda persoa ten dereito a gozar»

ENCARNA PEGO PAZ

FIRMAS

Chegou á Arteterapia Hauschka buscando alternativas á pintura

24 abr 2014 . Actualizado a las 20:14 h.

Unha chuviosa tarde de xaneiro convértese, por arte de Pilar, nun recital de palabras e risas dunha artista polifacética que contaxia entusiasmo, ganas de saborear cada son, cada xesto, que xoga coas artes para coñecerse a si mesma e os demais.

-Cales son os teus materiais e temas preferidos?

-Empecei coas tendencias de moda nos 80: en Salamanca a expresionista, en Cuenca xa había «instalacións»? Traballei o carbón, a pintura expresionista con acrílicos, cadros con manchas grandes mesturando café, azucre, vernices. Quixen explorar logo o meu territorio, e cheguei ao debuxo oriental minimalista, minucioso. Fixen unha exposición ?ANIMAeLEX?, (xogo de palabras «animais, e lei da alma»). Vin moitos documentais, observando os movementos animais, que logo debuxaba con tinta chinesa, coma unha secuenciación, con moita potencia e limpeza de liñas. É moi arriscado, estás soa, non te podes escudar na cor nin nas sombras. Eu vía moita beleza niso. Traballei tamén en deseño gráfico, e montaba obras de teatro na casa, con varias persoas. Adaptamos textos de O eloxio da loucura, de Erasmo de Rotterdam. De escenario puñamos pinturas, fotos, diapositivas. Moi interesante.

-Consideras a arte dos museos como algo elitista?

-Ten que haber museos e artistas profesionais que vendan o seu traballo. Teño gozado moito nos museos. En Holanda e Alemaña vin obras que me extasiaron, autores pouco coñecidos, coma Anish Kapoor, cuns pigmentos moi potentes que me impresionaron. No Reina Sofía marcoume unha exposición do colectivo da Secession de Viena. Lembro de Gustav Klimt O bico e Danae. Ves de lonxe mulleres branquísimas, cabelo vermello, pero de cerca aquela pel amosa toda a gama de cores pastel da paleta, dunha sensualidade e unha beleza incríbel. Impresionante a maneira de conseguir ese nacarado.

-Como chegaches á Arteterapia?

-Saturada de imaxes deixei de pintar e quixen probar noutros campos. Necesitaba traballar co corpo e fixen danza contemporánea, ata chegar ao terreo da Arteterapia Hauschka, baseada na Antroposofía de Rudolf Steiner. Estudei canto, Chi kung e Tai chi. Atopei profesores que traballan para sacar a creatividade de cada persoa, con independencia das aptitudes de cada un. Máis que a obra final, o importante é o proceso artístico, que axuda a persoa a crecer e mesmo a curar. Decateime de que estaba cansa da arte coma busca estética, na procura do virtuosismo, e atopei algo que encaixa coa miña necesidade de compartir. Vexo na arte unha ferramenta de intervención social, un proceso que toda persoa ten dereito a gozar. O mellor da arte é que nos axuda a descubrir cousas que levamos dentro, de incríbel valor, e que descoñecemos.

-Como é unha sesión de Arteterapia?

-Na Asociación TP Galicia (de trastornos da personalidade) creei un proxecto baseado nas miñas inquietudes e experiencias. Cada sesión ten dúas partes; na primeira traballamos o corpo -Chi Kung, canto, danza ou expresión corporal-, e na segunda a plástica propiamente, con acuarela, lapis, carbón, pastel, pigmentos e barro. Persoas incapaces de comunicarse, mediante xogos sinxelos (recitar, cantar) un día expresan os sentimentos. Ese é o triunfo.

-Cara a onde vai agora a túa pintura?

-Cando me convidaron a expoñer en BarbantiArte levaba un tempo facendo debuxos con bolígrafos de cores, que descartaba como artista. Logo, profundando no sentido do que facía, decidín debuxar a miña sobriña, sobre un fondo sonoro de contos de fadas, co seu simbolismo, como encrucilladas universais do ser humano -o bosque, o monstro-, e contaxiada pola Arteterapia vin artistas na miña nai, na avoa que recitaba unha poesía, na sobriña que conta un conto. Puxen música a un poema meu, vencendo o pudor de facer algo que non é a túa especialidade, pero que precisaba sacar fóra. Fixen un traballo de arteterapia comigo! Sentía que a nosa psique é coma unha casa chea de habitacións, moitas pechadas e que temos medo a abrir. Eu abrinas, limpeinas e vinas cheas de luz e de aire fresco. Isto é o que se chama unha instalación, o público pode participar. Algúns din que lles semella un altar que temen profanar.

ILUSTRACIÓN ABRALDES