Enxeñeiro de montes e veciño de Barbanza, Alberte Piñeiro é un dos coordinadores deste traballo e encargouse das súas presentacións.
-¿Cree que é factible aplicar estes criterios?
-É moi factible con vontade política aplicar as dez medidas propostas. A pedra de toque sería, polo tanto, un amplo consenso tanto de partidos políticos como de actores do sector nunha folla de ruta que tivese como base o decálogo proposto.
-¿A corto, medio ou longo prazo?
-Calquera estratexia para o sector forestal debe ter un horizonte de longo prazo. Aínda así este decálogo produciría os primeiros resultados en cinco anos. Implementar as dez medidas propostas suporía no primeiro quinquenio xerar 21.000 empregos extra anuais e 2.700 millóns de euros en Galicia.
-Feijoo dixo que o valora como guía para traballar nos montes de Galicia, ¿confían que sexa así?
-Confío en que si. O feito de que o presidente Feijoo solicitase este traballo a Asociación de Antigos Bolseiros da Fundación Barrié implica que algo se move para que se fagan reformas estruturais na política forestal de Galicia. Neste contexto, as medidas presentadas constitúen un resumo do que moita xente no sector considera que, si ou si, debe ser feito pola Administración. Por isto creo que serán tidas en conta pola Xunta.
-E na serra do Barbanza, en comparación con outras redondas de Galicia, ¿está ben o mal enfocado o sector forestal?
-A folla de ruta para o monte no Barbanza está ben enfocada dende hai moito tempo. A organización da gandería extensiva no monte é condición sine qua non para a redución do principal problema que son os incendios forestais. Con isto resolto os pasos para que os montes da redonda se convertan nun referente son sinxelos. Temos o recurso e a vontade das comunidades de montes para situar a serra como referencia nos usos sociais, medioambientais e produtores do monte.