«Non só é importante a mostra, tamén o espazo no que se expón»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Carballedo está encantada coa acollida de «Illados» en Noia

22 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai proxectos que nacen cunha finalidade moi concreta e acaban tendo un percorrido moito máis amplo grazas ao éxito conseguido. Ese é o caso da exposición Illados, unha mostra coral que reúne obras de 26 artistas e que vén de inaugurarse nas salas do Liceo de Noia. A súa responsable, Cristina Carballedo, explica o porqué desta colección e as razóns polas que aceptou de bo grado a invitación da entidade noiesa para traela a Barbanza.

-¿Como xurdiu a idea de reunir nada menos que a 26 artistas para esta exposición?

-A mostra nace coma un proxecto específico para un espazo concreto, o Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, de aí o título de Illados, é unha alusión aos artistas que expoñen nesa illa.

-¿Cal é o fío condutor?

-O que lle propuxen aos artistas foi que presentasen unha obra na que se vira reflectida a nosa natureza, o noso mar, o noso hábitat... E ver como estes elementos inflúen na súa obra. Son pezas xa feitas, máis ou menos antigas, pero ningunha realizada para esta exposición. Parecíame interesante ver esa influencia.

-Na mostra participan creadores de distintas disciplinas, ¿que criterios seguiu para a súa elección?

-Son todos galegos e son artistas cunha traxectoria moi consolidada e seria, son nomes con moito peso, e cun traballo realizado que ten moita investigación detrás.

-Despois de ver a boa acollida de «Illados» no Castelo de Santa Cruz, ¿cal cre que é a razón do seu éxito? ¿Que cre que atrae ao público?

-O primeiro que atrae é o nome e a calidade dos artistas que participan. Segundo, cando se explica o discurso da exposición a xente tamén se achega porque é unha oportunidade para ver a todos estes creadores desde outra perspectiva porque a maioría do público xa coñece de sobra a súa obra. Así que eu creo que o éxito está no peso dos artistas, o tema en si, que é moi noso, moi recoñecible, e por último o propio espazo, un lugar coa historia do Liceo é moi atractivo. Creo que por iso tivo tanto éxito a inauguración, e esperamos rematar co mesmo éxito co que empezamos.

-Se esta era un proxecto específico para Santa Cruz, ¿como chegou a exposición a Noia?

-Fomos convidados a presentala no Liceo polos coordinadores da sala, e estamos moi agradecidos pola invitación, pola súa colaboración e polo seu traballo. Cremos que traer esta exposición aquí pódese xustificar facilmente pola historia da entidade, pola vila, que tamén é nobre e histórica, e porque está pegada ao mar. Estamos encantados, porque o propio espazo do Liceo acolleu moi ben as obras, quedou francamente ben. Non só é importante a mostra en si, tamén o continente, o espazo no que se expón. A ligazón co mar é importante.

-¿Poderase ver esta mostra noutros concellos da comarca?

-Estou traballando niso, deixaremos pasar un pouco o tempo, pero a intención é mostrar esta exposición en outro espazo que tamén teña esa vinculación coa natureza e o mundo do mar. Interésame que a exposición teña esa xustificación, a dos artistas, o tema e o espazo no que se desenvolve.