«A fotografía é unha alternativa de ocio moi boa»

Sara Martínez / M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

O grupo Foto-col.es leva dous anos organizando cursos en Lousame

10 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Foto-col.es é un grupo informal de mozos de Lousame que, despois de recibir unha subvención da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dentro do Programa Iniciativa Xove, e tras organizar un obradoiro de iniciación á fotografía o ano pasado, puxo en marcha un curso de retoque fotográfico que tivo unha gran acollida. Gonzalo González forma parte, xunto a Nati Tubío, Natalia Teira, Silvia Cao e Jesica Fernández, dun colectivo que quere seguir ofrecendo novos proxectos.

-¿Como se desenvolveu o proxecto?

-O curso impartiuse en catro xornadas, os días 28 e 29 de agosto e 4 e 5 de setembro, cun horario bastante práctico xa que, no verán, o mellor era realizalo pola noitiña. Durante dúas horas somerxéronse no mundo do retoque de fotos e aprenderon a manexar varios programas. Tamén realizamos dúas andainas fotográficas. Gústanos a natureza e a fotografía, polo que é unha alternativa de ocio formativo moi boa e diferente. Ao final participarán nun concurso cos seus traballos.

-¿Por que consideraron axeitado facer estas andainas?

-É un xeito de desenvolver o espírito creativo de cada un e de aprender sen estar parado diante dun ordenador. O día 31 foi a andaina fotográfica ao San Ramón dende Fruíme, un fermoso percorrido que invita á fotografía, e o sábado puidemos gozar da andaina monumental por Santiago, unha ruta que non deixa a ninguén indiferente.

-¿Como está respondendo a xente a estas xornadas?

-Son moi participativos e están moi implicados. Moita xente está interesada nesta arte dende hai tempo e ve no taller unha forma de mellorar a súa técnica. Engancha a calquera idade e iso puidémolo ver no curso. Hai sobre todo xente de vinte anos en diante, pero tamén contamos con algúns alumnos de catorce.

-¿Cales son as bases do concurso que marca a fin do taller?

-Os que participaron nas andainas poderán presentar neste concurso, a finais de setembro, as fotografías que saíron desas rutas. Premiarase a orixinalidade, a técnica, a luz, entre outros factores. Os premios irán dende estancias nun spa a material fotográfico, e as fotos formarán parte dunha exposición dende o 27 de setembro ata mediados de outubro na casa da cultura de Lousame.

-¿Organizarán algunha outra actividade similar?

-Está tendo moi boa acollida e a nós gústanos organizar estas alternativas de ocio e aprendizaxe. Se contamos coa subvención iniciaremos algún outro proxecto sen dúbida.