«Eu non sei o que é odiar»

IRIA LAGO

FIRMAS

Entrevista a un home agarimoso e intelixente cun periplo vital marcado pola cultura e a poesía

24 abr 2014 . Actualizado a las 20:17 h.

Chego á miña cita. Puntual. Maxi Olariaga (Noia, 1947) agárdame nun salón organizado para conversar. O entrevistado ten dúas calidades que se manifestan de forma inmediata: a súa tranquilidade e a súa proximidade. Das varias preguntas que lle quero facer comezo pola súa relación co xornalismo: «Mandeille unha carta á Voz de Galicia falándolle do fareiro de Corrubedo. Porque entre outras moitas cousas que fixen na miña vida foi o dos Faros. Despois diso, nunha ocasión, coñecín o director da Voz do Barbanza e díxome por que non escribía un artigo de cando en vez». Así empezou polas Politecaturas, nas que realizaba unha semellanza de personaxes do Barbanza, apoiada na caricatura que Veiras Manteiga creaba para o caso. Unha vez rematadas, comeza con Maximalia e colabora semanalmente en La Maraña «unha imaxe da vida bastante resultona».

Sobre o xornalismo di: «É unha experiencia moi especial. E case sempre escribo na última hora do último día? Entón cando acabo quedo contentísimo. Despois hai unha segunda parte: recibo correos de todo o mundo. De Buenos Aires, de Ottawa, de Sidney? eu quedo pasmado! Iso é tremendamente satisfactorio? Ao mellor, da familia non te le ninguén, pero iso?».

Falamos dos autores que considera esenciais na súa formación e nomea a Cervantes, a Biblia, Machado, Miguel Hernández, Kavafis, Huxley..., artistas que están presentes nas páxinas publicadas e por publicar deste home poliédrico.

Os días con Lara e Testamento para o meu fillo son exemplos do seu bo facer na poesía. Anda a traballar en dous poemarios: A fada azul e Xénese das ás. Simeón Pantín inventor da liberdade, en narrativa, libro que considera incompleto: «sería un personaxe sobre o que seguiría escribindo moito tempo». Tamén ten en preparación «un auténtico thriller» chamado A viaxe escura, e en teatro, ademais da xa estreada Bajo la alfombra, traballa noutra obra titulada Los machos tristes.

Home polifacético, non se sente unha persoa satisfeita: «eu quería facer cine e xornalismo e metéronme en Dereito?, e, ademais, despois tiven que vivir diso». Mais si é certo que, analizada desde outra perspectiva, afirma que tivo unha vida na que fixo un pouco de todo: «casei moi novo e moi novo tamén se disparou o meu afán pola cultura, pola música. Entón fundei un dúo xunto coa miña compañeira que nun inicio se chamou Maxi e Xena, e que logo pasou a chamarse Xuntanza. Unha vez asinamos un contrato coa multinacional RCA». Foron os primeiros en gravar con Andrés do Barro e desde un comezo estiveron moi en contacto con Xerardo Moscoso de Voces Ceibes. Alí, na época de Madrid, relacionaranse entre outros con Waldo de los Ríos, Calderón e Mochi.

Xuntanza moverase pola xeografía española gañando premios en distintos lugares. En Montijo (Estremadura), «porque había dous individuos no xurado que dada a proximidade que ten Montijo con Portugal admiraban moito a cultura portuguesa». E cantarán tamén en Ávila, no Centro Galego de Barcelona e, como anécdota, conta que «o día no que nos convocaron para pechar o telediario do Venres Santo da TVE, (porque no noso primeiro disco tiñamos unha canción miña que se chamaba Seu nome era Xesús, recomendada por Monseñor Tarancón), ao chegarmos a Prado del Rey na porta había dous grises e pedíronnos o DNI, e a min quedárame na casa e non podiamos entrar. Entón chamamos a directora do programa desde abaixo, desde a recepción, e os grises dixeron que diso nada. Baixou a directora, falou con eles, e nada? Así que dous grises rasos tiñan máis poder que a directora do telediario».

Neses anos Maxi vai forxar grandes amizades como a que o une a Pepe Agrelo: «Con Pepe Agrelo era unha fraternidade. Eu fixen teatro en castelán con el, obras de Carlos Llopis, nos anos 60, e eu admiraba a súa fe no que facía e no futuro e na liberdade? Mira que Pepe foi un concelleiro no franquismo, pero non era un concelleiro franquista, claro. El estaba aí porque sentía a necesidade de que iso había que cambialo desde dentro, e así o fixo. Pepe decatábase de que era un home de esquerdas, nacionalista? e iso era o que máis admiraba nel? como loitou, como sempre soubo perfectamente o que tiña que facer para que aquilo cambiase».

A proximidade á que me refería ao principio reflíctese nas relacións que establece con persoas de diferentes idades. É o caso de Ismael Ramos, poeta novo do que fala nestes termos: «Os seus versos emociónanme moitísimo. Para min escribe desde a estratosfera. Entro nel como o coitelo na manteiga».

Para finalizar pídolle que concretemos unha autobiografía nunhas poucas palabras. Dime: «eu non sei o que é odiar». E eu, claro, créoo. Non podo facer outra cousa.

«Casei moi novo e moi novo tamén se disparou o meu afán pola cultura»

«Eu quería facer cine e xornalismo e metéronme en Dereiro»

ILUSTRACIÓN ABRALDES