Correr touros en Noia e Muros

PEDRO GARCÍA VIDAL

FIRMAS

Eran espectáculos sen morte que remataban cando se esgotaban animais e perseguidores

31 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A cidade é un lugar con tramas urbanas e edificacións que permanecen e onde suceden acontecementos efémeros como as festas e cerimonias civís e relixiosas. Cando estas teñen lugar, a cidade convértese en escenario e os veciños son transformados en espectadores cómplices da ledicia ou da dor, do fervor litúrxico ou do triunfo político. Dende o punto de vista da historia do urbanismo, interesa coñecer eses espazos de celebración porque os escenarios ou percorridos, de tratarse de procesións, teñen influencia urbana, tanto temporalmente como ao precisar de construcións fixas.

Un espazo destacado na celebración de espectáculos nas vilas de Noia e Muros foi o de correr touros. Este tipo de celebración tiña orixe medieval. En Noia as touradas convertían a rúa dos Lagares en Curro tres veces ao ano: San Bartolomeu, San Pedro e Corpus Christi. Para ilo, tapiábanse os soportais existentes a ambos os lados da rúa, ao igual que as súas entradas e saídas. Os becerros saían do curral habilitado na rúa Oviedo Arce, para entrar no Curro, «donde la gente los esperaba en la plaza para pelearse con ellos», segundo relata Manuel Fabeiro Gómez, no seu libro, Os touros en Noia (1989). En Muros, a Praza Maior, que se abría fronte á Casa do Concello, era o lugar ideal para este tipo de celebracións. O nome de Curro da Praza procede precisamente desta antiga tradición. As edificacións e o mar servían de linde natural ao espectáculo.

A festa taurina era contemplada dende detrás dos taboados construídos e nas ventás e balcóns das casas ateigados de público. Era un espectáculo sen morte, pois este remataba unha vez que os touros e os seus perseguidores chegaban ao esgotamento.

Obras de tapiado

A celebración deste tipo de festexos precisaba da realización dunha serie de obras consistentes no tapiado de madeira, co fin de impedir a fuxida dos animais, así como garantir a protección dos espectadores. Porén, aínda sendo maioritariamente obras efémeras que desaparecían ao rematar o espectáculo taurino, existían tamén construcións máis sólidas e permanentes que durante anos recordaron esta actividade festiva. Así, na vila de Muros sabemos da existencia de muros permanentes que pechaban a praza nalgúns lugares.

Tamén na rúa do Curro, en Noia, a carón da muralla medieval existente na parte que daba á porta de saída cara á rúa dos Cuncheiros, figuraba un palco de pedra, onde rexedores e alcaldes da vila presidían os festexos.

Por norma xeral, moitas rúas e prazas nas Idades Media e Moderna aparecían sen ningún tipo de pavimentación, e algunhas, en función da actividade nelas desenvolvida, permanecen así ata épocas moi recentes. Este é o caso do Curro da Praza en Muros e da rúa do Curro en Noia. A realización nestes espazos de touradas propiciará que sexan os derradeiros espazos urbanos que se manteñan sen ningún tipo de empedrado ata avanzado o século XX. Na actualidade, unicamente a toponimia garda a memoria duns espectáculos cuxa celebración ía transformar temporalmente o espazo festivo con accións intanxibles ou arquitecturas efémeras.

As touradas deron nome á rúa do Curro, en Noia, onde se celebraba o festexo